ACCIÓN CULTURAL

Exeria volve a facer camiño cunha escultura homenaxe á que foi a primeira peregrina hispana

10/11/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e as concelleiras de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e de Políticas Sociais, Mila Castro, asistiron esta tarde na nova praza remodelada na confluencia entre a rúa dos Concheiros, a Avenida Rodriguez de Viguri e a rúa Berlín á inauguración da escultura en homenaxe a Exeriao. A peza, obra da artista Soledad Pite Sanjurjo, pretende evocar a figura da que está considerada como a primeira peregrina hispana.

A peza escultórica foi inaugurada esta tarde ao carón da pérgola que da inicio ao barrio das Fontiñas. Ao acto asistiron tamén Rosa Andión e Marisa Vidal, en representación da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas, e a autora da peza, Soledad Pite, e varios membros da Corporación municipal.

Con esta escultura dase cumplimento a un acordo plenario que se adoptou por unanimidade da Corporación en decembro de 2020 a iniciativa do BNG, para render homenaxe a unha muller pioneira.

Na súa intervención, Mercedes Rosón insistiu en que a escultura é o resultado dun "proceso bonito e emocionante de sororidade a raíz do impulso da asociación". Unha sororidade que amosa tamén o testemuño da propia Exeria que "simboliza a diversidade, a importancia que desde sempre tivo a cultura" e é exemplo "do matriarcado que, en Galicia, perviviu durante séculos".

O alcalde quixo reiterar o compromiso e o esforzo municipal "para facer que as mulleres ocupen o espazo público" e máis no curso dunha ruta xacobea "que ela, como muller, foi a primeira en comezar a andalo, iniciando un camiño moito máis grande do que podería imaxinar".

A escultura está baseada nun debuxo da autoría de Soledad Pite do ano 2012, a súa readaptación escultórica pretende máis que representar ao personaxe, evocalo. Está feita de bronce e supera os dous metros e medio de altura. E na súa parte superior hai estrelas, puntos e palabras en oco para deixar pasar a luz. Cara á parte media fórmase unha liña de horizonte, mediante diferentes pequenos relevos (tamén perforados na súa arte superior) que conforman lixeiras ondulacións representando o mar.

Na parte alta poden lerse cinco palabras en latín: dominae, dominae, e sorores lumen meun, extraídas do seu Itinerario, sendo o sentido de lectura diferente desde cada lado da peza, fomentando así o sentido deambulatorio arredor da mesma. Asemade, tamén configuran esta parte alta, elementos de lúa e estrelas troquelados, de xeito que a luz atravesa, con estas formas, cada un dos paramentos.

Exeria

Exeria é unha muller galega do s. IV, considerada como a primeira peregrina, coñecida tamén como Egeria, Echeria e Eteria, foi unha muller da Idade Antiga coñecida pola súa obra Itinerarium Egeriae, na que narra unha viaxe a Terra Santa. Todo parece indicar que naceu na Gallaecia, «nas ribeiras máis afastadas do océano occidental», segundo documentos do século IV, aínda que non se pode precisar con exactitude o seu lugar de nacemento.

A súa obra Itinerarium Egeriae narra a viaxe que realizou ao Oriente Próximo entre os anos 381 e 384 que lle outorga a consideración de primeira escritora hispana en lingua latina. Atravesou o sur de Galia (hoxe Francia) e o norte da península Itálica; cruzou en barco o mar Adriático. Sábese que chegou a Constantinopla no ano 381. De aí partiu a Xerusalén e visitou Xericó, Nazaret e Cafarnaúm. Partiu de Xerusalén cara ao Exipto no ano 382, visitou Alexandría, Tebas, o mar Vermello e o Sinaí. Visitou logo Antioquía, Edesa, Mesopotamia o río Éufrates e Siria desde onde regresou vía Constantinopla.

Soledad Pite Sanjurjo

Nacida en Cacheiras, Teo (A Coruña), 1955. Licenciase en Belas Artes pola Universidade de Sevilla no 1978.

No bienio 1991 - 1992 cursa estudios na Universidade de Salamanca no programa "Investigación de la Forma". No Centro Internacional da Estampa de Betanzos asistirá a diversos cursos monográficos que lle permitirán abordar disciplinas como a Litografía, a Xilografía ou o Gravado non tóxico con Fotopolímeros.

Dende que no 1985 realiza as ilustracións para O misterio do lume de X. Chao Rego, simultánea o labor docente como Catedrática de Ensino Medio coa Ilustración o Debuxo e a Pintura, realizando tamén Libros de Artista, onde as grafías e as cores se alían coa palabra poética.

Compartir: