PROMOCIÓN ECONÓMICA

Máis de mil persoas accederon ao mercado laboral en pouco máis de tres anos

25/04/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, presentou os resultados en materia de emprego durante a presente lexislatura. Mil seis persoas (entre alumnos dos cursos de formación, usuarios de proxectos experimentais, inscritos na Bolsa de Emprego, contratados a través de Programas de Cooperación, e contratados polas empresas xurdidas a través dos proxectos experimentais de emprego) accederon ao mercado laboral entre febreiro do 2004 e o 20 abril do 2007.

No ano 2004 contabilizáronse 185 insercións laborais e 248 no 2005 (un 134% máis). Entre o 2006 e o que levamos de 2007 accederon ao mercado laboral 573 persoas (un 310% máis que en 2004 e un 231% máis que no 2005).

Dende novembro do 2006, todas as accións programadas a favor do emprego polo Concello están recollidas no Plan de Acción Local polo Emprego, asinado pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego con nove entidades (Xunta, USC, CIG, UXT, CCOO, Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Asociación de Empresarios da Hostelería, Cámara de Comercio de Santiago e a Plataforma polo Emprego). O custo das actividades desenvolvidas no ano 2006, algunhas das cales teñen continuidade no 2007, é de 5.272.631 euros. Existen duas vías de actuación: programas e servizos da Concellaría de Promoción Económica na área de Emprego, e convenios que desenvolve o Departamento coas distintas entidades.

Proxectos experimentais de emprego: Persoa, Crear e Equal Compostela Social

370 persoas relacionadas cos programas experimentais de emprego accederon entre o 2004 e o que levamos do 2007 ao mercado laboral: 137 a través do Proxecto Persoa, 197 a través do Proxecto Crear, e 36 a través de Equal Compostela Social. Os tres programas están dirixidos a persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción: mulleres, mozos sen emprego anterior, desempregadas e desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados e mulleres e homes con algún tipo de discapacidade. O que cambia é o método de inserción laboral utilizado.

No Proxecto Persoa, do que aínda se está desenvolvendo o Persoa III, os usuarios procuran emprego a través dun proceso integral de inserción: reciben formación en especialidades que constitúen novos xacementos de emprego, realizan prácticas en empresas e son apoiados por titores no acceso ao mercado de traballo.

Co Proxecto Crear, os usuarios reciben formación e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Persoalizados de Inserción. Una vez definido o perfil profesional do usuario, desenvólvense obradoiros formativos á carta, para, a continuación, realizar prácticas en empresas. Neste momento estase desenvolvendo a cuarta e última fase do Proxecto Crear III, a de seguimento das persoas que non conseguiron insertarse laboralmente e das que están traballando pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego.

Equal Compostela Social permitiu crear, desde novembro do 2005, 33 empresas na área de Compostela (24 delas, case o 73%, constituídas por mulleres). 22 proxectos empresariais naceron en Santiago, dando lugar á creación de 36 empregos. O programa trata de potenciar a filosofia do emprendemento. Equal basease na cooperación entre institucións e organizacións. É un programa dirixido á área de Compostela. Nel tamén participan os concellos da Mancomunidade, Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra, a Consellería de Traballo, a Universidade de Santiago, a Fundación para o Desenvolvemento Comarcal da área de Santiago, a Cámara de Comercio da cidade, a Plataforma polo Emprego e Cogami

Programas de cooperación

91 persoas reinsertáronse laboralmente no 2006 grazas aos 18 Programas de Cooperación nos que colaboran a Consellería de Traballo e a Concellaría de Promoción Económica e Emprego. Destas persoas, 55 eran mulleres, o que representa o 60%, e 36 homes. No ano 2005 contabilizáronse 35 contratacións, un 162,5% menos que no 2006. Ademais, o orzamento destes (antes denominados Programas Labora e Programas de Obras), pasou dos 542.625,3 euros no ano 2005, ao 1.116.286,10 euros do 2006. O obxectivo destes programas é contratar a desempregados para desenvolver obras e servizos de interese para a comunidade, incrementando así as súas expectativas de reinserción e a súa cualificación profesional.

Obradoiros de emprego e cursos FIP e FO

240 persoas que participaron nos Obradoiros de Emprego ou realizaron algún curso asinaron contratos laborais entre o 2004 e o que levamos de 2007. O obxectivo dos obradoiros, a través dos que accederon ao mercado laboral 117 persoas, é mellorar as posibilidades de inserción e reinserción no mercado de traballo de persoas desempregadas de longa duración, a través da súa participación en accións mixtas de emprego-formación.

En canto aos cursos de Formación Ocupacional e de Formación e Inserción Profesional, no 2004 programáronse catro actividades formativas, no 2005, seis e no 2006 , dezaoito. 123 persoas que participaron nos cursos lograron acceder ao mercado laboral.

Bolsa de emprego

O Concello de Santiago creou unha Axencia de Colocación dentro da cal se xestiona unha Bolsa de Emprego desde a que tamén se presta servizo ao resto de concellos da comarca. O servizo, no que se inscribiron case 1.200 demandantes de emprego nos últimos tres anos, tramitou, desde decembro do 2006, 148 demandas laborais.

Compartir: