MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local desenvolve un novo programa de actividades para achegar a seguridade viaria aos colexios e institutos da cidade

10/11/2022 "Cada día máis seguros" é o lema do Departamento de Educación Viaria da Policía Local para este curso 2022-23, no que levará as súas campañas e actividades a colexios e institutos da cidade. Un ano máis, estas actividades pretenden achegar a seguridade viaria ao alumnado de primaria, ESO e bacherelato do concello. Tamén se prevé a realización de accións neste ámbito dirixidas ás persoas con discapacidade e aos maiores.

O programa deste curso arrancou o pasado mes de outubro coa posta en marcha das charlas dirixidas ao alumnado de 6º de infantil dun total de 23 colexios do concllo. Con esta iniciativa, que se leva a cabo no parque infantil de tráfico ubicado no recinto feiral de Amio, búscase que os máis pequenos coñezan a Policía Local.

Neste primeiro contacto o obxectivo é que as nenas e os nenos pasen unha xornada divertida coas bicicletas e correpasillos, ao mesmo tempo que aprenden como funcionan os semáforos ou como cruzar nun paso de peóns, xa que todos eles, nalgún momento da sesión son condutores ou peóns. Tamén se busca que a cativada vexa o Policía Local como un amigo que lles vai axudar se nalgún momento o necesitan, e que perdan eses "medos" que moitos deles teñen posiblemente provocados polos maiores da familia cando lle din: "se te portas mal lévate o policía".

Esta actividade finalizará o 17 de novembro co alumnado do colexio infantil de Fontiñas.

Ademais, en paralelo, durante a segunda quincena de novembro e o mes de decembro desenvolveranse as actividades "Vivimos as mesma realidades" e "Maiores máis seguros", dirixidas ás persoas con discapacidade e aos maiores.

Actividades para o 2023

O 2023 arrancará coas campañas "Ti controlas, ti decides" e "Pola túa seguridade", dirixidas ao alumnado de 1º de bacharelato e 3º da ESO, que se desenvolverán ao longo dos meses de xaneiro e febreiro.

Nos meses de marzo e abril porase o foco nos alumnos de 4º de primaria coa actividade "Móvete seguro con moito olliño", coa que a Policía Local se desprazará aos colexios para impartir unha sesión teórica do uso de vía pública seguida dun paseo pola cidade cos cativos para por en práctica o aprendido, para rematar visitando as dependencias da Policía Local para que poidan coñecer de preto o material que utiliza a Policía no seu traballo.

O mes de maio estará dedicado aos alumnos de 6º de primaria coa actividade "Son conductor de bicicleta" que terá lugar no parque infantil de tráfico de Amio, e consistirá nunha sesión teórica na que se fai fincapé nas normas do uso da bicicleta e se repasan os comportamentos como peóns. A charla compleméntase cunha sesión práctica no parque de tráfico cos karts e bicicletas como péon e como condutor.

Por outra banda estase a traballar tamén no proxecto "Colecamiños" en colaboración cos tres colexios onde está xa en funcionamento: Raiña Fabiola, Pio XII e Ramón Cabanillas, fomentando a máxima participación no proxecto, así como a implantación en outros colexios da cidade debido ao interese mostrado por algúns deles.

Compartir: