POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Os premios Manuel Beiras invitan a "prender" o galego, tamén no comercio

08/11/2022 ‘Prende o galego. Brilla con luz propia’ é o lema co que se presenta este ano o premio Manuel Beiras ao uso do galego na empresa. O 19 de decembro celebrarase no Teatro Principal a partir das 20.00h a gala de entrega de premios ás empresas que o xurado elixa, nunha convocatoria co obxectivo de "dar a coñecer e espallar a utilidade que ten o galego, tamén como lingua instrumental no ámbito mercantil" destacou o concelleiro de Políticas Lingüísticas.

Rubén Prol presentou en rolda de prensa xunto Xavier Freire, membro da dirección da Cámara de Comercio, a XXIII edición do certame que convoca a Cámara en colaboración co Concello de Santiago.

Agora, nas semanas previas á entrega dos premios, desenvolverase unha campaña para lembrar a convocatoria, animar a que se presenten candidaturas e transmitir os obxectivos do premio. Neste 2022, as accións publicitarias xiran arredor do lema PRENDE O GALEGO. BRILLA CON LUZ PROPIA. Tendo en conta a crise enerxética actual e as dificultades e esixencias que provoca, búscase unha vez "chamar a atención sobre un recurso que os negocios teñen á man para poñerse en valor e conectar co público compostelán: o uso da nosa lingua, un elemento diferencial nun mercado cada vez máis global que establece vínculos coa comunidade" explicou Freire.

Como nos anos anteriores, calquera persoa ou entidade pode formular propostas de candidaturas e tamén o poden facer as mesmas empresas candidatas.

A proposta debe achegar, na medida do posible, información sobre a práctica lingüística da empresa. Para facilitar a recollida desta información, as empresas candidatas poden sumarse a #galegoempresas (galegoempresas.santiagodecompostela.gal) que, ademais de incluír un autodiagnóstico contribúe á súa difusión pública, ou poden elaborar unha pequena memoria, para o que contarán co apoio, se o precisan, do Departamento de Lingua. Na web atoparán unha guía para facilitar a información que o xurado necesita. Como é habitual, a organización non fai público o nome das empresas que son candidatas, mais elas si poden publicitalo.

A convocatoria dese ano rematará co habitual acto de entrega dos premios ás empresas que o xurado elixa. Está previsto para o 19 de decembro no Teatro Principal, ás 20 h. A gala estará conducida polo grupo Os da Ría.

Compartir: