EDUCACIÓN

Un verán solidario e cunha ampla oferta de lecer

25/04/2007 A Concellaría de Educación e Mocidade presentou a oferta de tempo libre para o verán, así como unha nova edición do programa de acollida de nenos e nenas saharauís "Vacacións en paz".

Un ano máis, Compostela convértese en punto de destino para quince rapaces de entre 7 e 14 anos procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís da zona de Tinduf, no sudoeste de Alxeria. "Vacacións en paz" pretende ofrecerlles a estes rapaces unhas boas vacacións nos meses de xullo e agosto.

O Concello de Santiago faise cargo das pasaxes para estes nenos, que durante a súa estancia en Santiago estarán acompañados por un adulto saharaui, que fará de intérprete e coordinador. Familias composteláns aloxarán aos rapaces e faranse cargo da alimentación e vestimenta dos mesmos.

Segundo apuntou Mohamedu Lhipa, representante do Fronte Polisario, esta iniciativa permítelles tamén aos rapaces ser sometidos a chequeos médicos, coñecer un mundo "que non é o que ven alí" e non perder os vínculos co idioma español. Para facer mais amena a súa estanza e facilitar a súa integración, o Concello organizará unha serie de actividades complementarias. A proposta de "Vacacións en paz" atende á solicitude expresada pola Delegación Saharauí en Galicia, canalizada pola Asociación de Solidariedade Galga co Pobo Saharauí.

Tempo libre

A oferta de lecer conta un ano co programa Barcelona, Educa. Uns 30 rapaces de entre e 12 e 15 anos realizarán unha visita didáctico-Cultural á Cidade Condal, que lles permitirán coñecer a súa historia, a súa arte, a súa arquitectura e as súas xentes. O custo da viaxe é de 300 euros e realizarase do 8 ao 14 de xullo.

Tamén se repite a oferta de educación ambiental. Nesta edición, hai dous destinos. Así, uns 50 rapaces de 4 a 7 anos poderán ir á Granxa Escola "Fervenza do Toxa", en Silleda (Pontevedra). Este lugar é un centro didáctico e de ocio onde se desenvolven programas de educación ambiental, agroturismo, ocio e tempo libre. A cota de inscrición é de 100 euros e a viaxe terá lugar do 14 ao 16 de xullo.

Por outra parte, está prevista unha viaxe ao Centro de Educación Ambiental "As Corcerizas", na Serra de San Mamede (Ourense). Os participantes poderán mergullarse neste entorno natural excepcional e aprender disfrutando da natureza, dos recursos e dos habitantes desta singular paisaxe, grazas a itinerarios ecolóxicos, obradoiros e diversos xogos e deportes. Haberá dúas quendas: unha do 2 ao 11 de xullo para rapaces de entre 8 e 9 anos e outra do 14 ao 23 de xullo para nenos de 10 a 13 anos. A cota de inscrición é de 215 euros.

O prazo de pre-inscrición permanecerá aberto ata o 16 de maio. As fichas de solicitude deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello.

Documentos relacionados



Compartir: