UMAD

A UMAD forma a pais e nais sobre a prevención eficaz fronte á drogodependencia dentro e fóra da casa

24/04/2007 A Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes organiza o obradoiro "Competencia social dos nosos fillos/as. Prevención eficaz dentro e fóra da casa". Esta iniciativa está dirixida a pais, nais e titores e titoras legais, co fin de traballar na mellora da competencia social e dos mecanismos preventivos. Desenvolverase os venres 27 de abril e 4, 11 e 25 de maio, en horario de 18:00 a 20:00 horas.

Con este obradoiro preténdese proporcionar estratexias e información aos pais e nais que axuden a potenciar nos seus fillos as habilidades sociais. Trátase tamén de aumentar os recursos preventivos que xa posúen os pais e nais.

Para iso, ao longo das oito horas do obradoiro, abordaranse temas como as habilidades sociais, a capacidade preventiva da familia, o comportamento asertivo ou os factores de protección e risco nas familias. Farase a través de breves exposicións, traballo en grupo, debates e representación de situacións reais

Imparte o obradoiro María José Blanco Freire, psicóloga responsable do programa de atención a adolescentes da UMAD. A matrícula é gratuíta. Aqueles pais e nais que participen no obradoiro e que o precisen terán á súa disposición un servizo de ludoteca gratuíto para os máis pequenos.

A experiencia da UMAD tenlle demostrado aos seus responsables que as estratexias que se mostran como máis eficaces no eido da prevención dos problemas derivados das drogas, están cada vez máis enfocadas a dotar aos nenos e nenas, mozos e mozas daquelas habilidades sociais que lles permitan enfrontarse de xeito adecuado a diferentes situacións da súa vida cotiá.

As actividades de prevención, que se realizan en colaboración cos centros educativos de Santiago, inclúen este traballo como un dos eixes que se van desenvolver, ampliando cada vez máis a oferta de programas de competencia social.

Documentos relacionados



Compartir: