PROMOCIÓN ECONÓMICA

A economía social confórmase como alternativa de futuro para afrontar os retos das Axendas Urbanas e 2030

21/10/2022 A Sede da Fundación para a Construción Laboral en Galicia, acolleu o encontro da Rede de Entidades de Desenvolvemento Local (REDEL), unha actividade organizada polo Concello de Santiago de Compostela co respaldo da Rede de Entidades para el Desarrollo Local (Redel), a Red de Ciudades Ciencia e Innovación (Innpulso), a Red de Territorios Socialmente Responsables (Retos) e Cidades por el Empleo; no marco da capitalidade española da economía social que durante este ano ostenta Santiago de Compostela. Na xuntanza, que se desenvolveu durante dous días, presentouse o informe ‘A Economía Social en España en cifras’ e o portal estatístico da Economía Social CIRIECSTAT. A economía social é un sector estratéxico que en Galicia emprega a máis de 15.000 persoas

Durante dous días, a sede da Fundación para a Construción Laboral en Galicia, acolleu o encontro da Rede de Entidades de Desenvolvemento Local (REDEL), unha actividade organizada polo Concello de Santiago de Compostela co respaldo da Rede de Entidades para el Desarrollo Local (Redel), a Red de Ciudades Ciencia e Innovación (Innpulso), a Red de Territorios Socialmente Responsables (Retos) e Cidades por el Empleo; no marco da capitalidade española da economía social que durante este ano ostenta Santiago de Compostela.

A primeira das xornadas iniciouse coa Asemblea Xeral de REDEL na que se abordou o proxecto de economía social no que están a traballar, un proxecto de colaboración entre as 31 entidades que forman parte da rede e as entidades representativas da economía social. Este proxecto busca incidir a tres niveis: no conxunto da cidadanía, nas entidades locais e no tecido empresarial, buscando o impacto positivo dos valores da economía social e solidaria (ESS), fortalecendo a capacidade técnica dos e das profesionais dos servizos de emprendemento local na creación, consolidación e transformación de empresas cara formas da ESS e implantando metodoloxías para o acompañamento con éxito de novas iniciativas empresariais no ámbito da ESS.

Pola súa banda, os representantes do Consello Asesor de REDEL promoveron unha reflexión para analizar e propoñer programas de desenvolvemento local que deberían sumarse aos programas políticos municipais na vindeira lexislatura.

Tras a Asemblea tivo lugar o a primeira parte do encontro sobre ‘As oportunidades da Economía Social para as cidades no logro dos retos das Axendas Urbanas e a Axenda 2030’. A actividade comezou co relatorio sobre ‘Economía Social, Axenda 2030 e Axenda Urbana’ da man da presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop, Ana Olveira, na que abordou que é a economía social, que entidades a conforman e a aportación da mesma aos ODS. Ao finalizar animou aos presentes a apoiarse na economía social "porque podemos ser uns grandes aliados para poñer en marcha as axendas urbanas e 2030".

Acto seguido, as persoas e entidades participantes conformaron cinco grupos de traballo nos que representantes de entidades locais e das redes de desenvolvemento local compartiron sesións colaborativas e participativas con axentes da Economía Social. Nestes espazos de encontro identificáronse boas prácticas, oportunidades e obstáculos para impulsar a relación simbiótica entre entidades locais e de Economía Social na contribución da Axenda 2030 e a Axenda Urbana.

Os grupos de traballo enfocáronse en retos locais clave das Axendas 2030 e Urbana: Economía Circular e transición verde, envellecemento, xeración de emprego de calidade, inserción a través do emprego e impulso ao sector cultural. Diferentes entidades como SomMobilitat, GALP Costa Sostible, proxectos de cohousing, UCOMUR, CEGASAL, Foro CONR, o Concello de Alicante ou a cooperativa Nudo, do proxecto Impulsa Cultura Proxecta, compartiron a súa experiencia sobre como a colaboración entre Economía Social e entidades locais desencadea círculos virtuosos que amplifican o impacto social, ambiental e económico no territorio.

As conclusións compartidas dos grupos de traballo puxeron en valor a importancia de xerar redes e alianzas e de impulsar o coñecemento mutuo.

As persoas participantes no encontro REDEL tamén tiveron ocasión de coñecer catro cooperativas da cidade da man ‘Roteiro Cooperativo’, unha proposta de fomento e visibilización das entidades de economía social da cidade realizada no marco do convenio de colaboración da Unión de Cooperativas Espazocoop co Concello de Santiago de Compostela. Neste percorrido visitáronse as cooperativas AlmaZen de Ioga, Numax, Creativas Galegas e o Conservatorio Histórico de Santiago.

Presentación do informe ‘A Economía Social En España en cifras’ e do portal estatístico da economía social CIRIECSTAT
A segunda xornada culminou coa presentación do informe La Economía Social en España en cifras, elaborado polo Centro Internacional de Investigación e Información sobre la Economía Pública, Social y Cooperativa (Ciriec-España)
Ao acto, que congregou a un centenar de persoas, asistiron Antonio López, Reitor da Universidade USC; Covadonga Toca, Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social; Xosé A. Sánchez Bugallo, Alcalde de Santiago de Compostela; Juan Manuel Sánchez Terán, Subdirector Xeral de Economía Social e da RSE, do Ministerio de Traballo e Economía Social; Celso Gándara, Presidente de Foroesgal (en representación de CEPES); Maite Cancelo, Directora do CECOOP, e Adoración Mozas, Presidenta de CIRIEC-España.

Entre as numerosas intervencións de representantes institucionais cabe destacar a da secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca quen remarcou que afondar na análise da economía social contribuirá ao seu recoñecemento e maior visibilización como fórmula de emprendemento e de crecemento da economía máis vencellada coas contornas e as persoas. Tamén a do Presidente de Foroesgal (en representación de CEPES), Celso Gándara, que destacou tres ideas fundamentais sobre a importancia do informe e a plataforma estatística: a visibilización, acadar unha incidencia política máis axeitada e desenvolver o sector.

O rexedor compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo agradeceu a escolla de Santiago como capital española da economía social e recordou o compromiso do consistorio coa economía social e, neste sentido, dou conta da nova liña de axudas destinadas a apoiar ás empresas de economía social de Santiago de Compostela.

O informe sobre ‘A Economía Social en España en cifras’ foi presentado polo seus directores, o profesor Rafael Chaves e José Luis Monzón. O estudo constitúe un traballo dirixido a presentar o perfil estatístico da totalidade do conxunto da Economía Social, tal e como esta é definida na Lei 5/2011 de Economía Social. O traballo ofrece os datos dispoñibles máis actualizados sobre a economía social en España e as súas comunidades autónomas, e por cada unha das súas familias.

Segundo os datos obtidos, a Economía Social está conformada en España por un total de 47.511 empresas e 37.183 entidades sen fins de lucro de acción social e fundacións. Todas elas empregan de forma directa a 1,35 millóns de persoas.

O emprego da Economía Social en España representa o 6,75% da ocupación total; o 8% das persoas asalariadas e o 9,91% das persoas asalariadas do sector privado. Así mesmo, segundo os datos achegados na presentación, o importe neto da cifra de negocio de toda a economía social española equivale ao 8,47% do PIB.

En Galicia, segundo os datos de CIRIEC-España recollidos no Informe e no CIRIECSTAT, existen 1.769 empresas de economía social, que dan traballo a 15.151 persoas. A súa cifra de negocio ascende a 2.570 millóns de euros. A fórmula xurídica máis numerosa é a das sociedades cooperativas, que en Galicia son 1.161, seguido das sociedades laborais (467) e os centros especiais de emprego (141).

Datos homoxéneos e comparables
A presentación do Portal Estatístico CIRIECSTAT estivo a cargo de José Luis Monzón e Ángel Soler, presidente e director, respectivamente, do CIRIECSTAT. Segundo explicaron, o lanzamento do CIRIECSTAT responde a unha das demandas do Plan de Acción Europeo da Economía Social, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2021, e que establece como un dos seus obxectivos crave aumentar a visibilidade da economía social mediante a recompilación de datos e estatísticas axeitadas.

Neste contexto, CIRIECSTAT é un proxecto que vai ir medrando co paso do tempo para, en palabras do profesor Monzón "implantar un sistema de recompilación e produción de estatísticas da economía social que agrupe, depure e publique nun portal único, de forma permanente e continuada, e con criterios metodolóxicos da contabilidade estatal, homoxéneos e comparables, as diferentes estatísticas da economía Social en España".

Durante a presentación, os responsables destes traballos incidiron na importancia de ter estatísticas actualizadas da Economía Social, datos que axudarán a visibilizar esta realidade, que lle darán lexitimidade como novo campo de acción pública e que contribuirán a mellorar o deseño das políticas de fomento da ES, a implementación desas políticas e a mellorar tamén a avaliación das políticas de Economía Social polos gobernos, os actores da Economía Social e a sociedade en conxunto.

Compartir: