POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

O Espazo Apego acollerá este sábado a megacolab, unha formación colectiva sobre creación de contidos dixitais en galego

19/10/2022 O proxecto Youtubeiras arranca no Espazo Apego do Concello de Santiago o seu ciclo de formación 2022-2023 co encontro creativo ‘megacolab’ dirixido a creadoras e creadores de contidos dixitais. O programa formativo incluirá tamén visitas a centros de ensino e unha sesión sobre asesoría fiscal orientada á comunidade creadora na Rede. Youtubeiras é unha iniciativa conxunta da que forma parte a Concellería de Políticas Lingüísticas de Santiago, xunto con outros 11 concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña.

Youtubeiras, proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, entre eles o de Santiago, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego, recupera o seu programa formativo neste 2022 con diversas iniciativas que teñen como propósito a capacitación, o achegamento ás novas xeracións e o intercambio de coñecemento no seo da comunidade creadora na Rede.

A primeira delas celebrarase de forma presencial o próximo sábado, 22 de outubro, en Santiago baixo o nome de encontro creativo: "megacolab". Trátase dun encontro de creación colectiva que conducirá Gingko, formado por María Lobo e Roi Guitián. Ambos os dous traballan na produción audiovisual e na creación dixital. Nos últimos anos, puxeron as súas ferramentas e as súas estratexias ao dispor da educación mediática, a participación social e a cidadanía dende unha perspectiva comunitaria. Na "megacolab", que se celebrará no espazo Apego de Santiago de Compostela en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas, promoverase a comunicación e creación colectiva coa idea de tecer rede e xerar colaboracións no futuro. Para poder participar, cómpre estar inscrito/a, ser creador/a de contidos e contar co material técnico básico preciso para gravar e editar vídeo.

O 1 de decembro, Youtubeiras ofrecerá unha sesión informativa en liña sobre asesoría fiscal orientada ao caso de creadores e creadoras de contido dixital. Baixo o título "Xestións, contas e outros enigmas", Paloma López Retorta, de Cifras Asesoría, esclarecerá dúbidas relacionadas coa facturación, contabilidade e outros trámites administrativos que sexan obriga dos/as youtubeiros/as. O prazo de inscrición para esta sesión estará aberto entre o 7 e o 29 de novembro.

Ademais, Youtubeiras aposta de novo por facer un achegamento ao estudantado de diversos centros de ensino. Nestas sesións, que correrán a cargo de Olanxonmario (Mario Brión Toucedo, gañador do premio Vídeo e do premio Youtubeiro 2021 e membro do xurado desta edición) e Neeumátiko (Nee Barros Fernández, gañadore do premio Calidade Lingüística 2021), presentaráselle á rapazada o proxecto, dando a coñecer diferentes canles que participan cada ano e tamén se lles convidará a participar nos Premios Youtubeiras. En Santiago, estas sesións terán lugar no IES Xelmírez II (20 de outubro), no IES Eduardo Pondal (21 de outubro), no IES San Clemente (25 de outubro) e no IES de Pontepedriña (25 de outubro). Tamén se desenvolverá esta iniciativa en centros de Ames, Moaña e Pontevedra.

Con estas actividades, Youtubeiras busca ser unha iniciativa que vai máis aló duns galardóns. Nesta sexta edición, o proxecto ten como grandes propósitos xerar novos espazos de aprendizaxe especializado para youtubeiras, fomentar a creación de máis vídeos na nosa lingua, visibilizar e facer accesible a creación de Youtube en galego e impulsar a creación de novas temáticas.

Premios Youtubeiras

A sexta edición dos Premios Youtubeiras xa están en marcha e manteñen aberto o seu prazo de inscrición até o vindeiro 15 de novembro. Neste 2022, os galardóns entregarán 7.500 euros en premios entre oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. Nesta sexta edición, ademais, admitiranse canles que só teñan un vídeo publicado, a diferenza da anterior convocatoria na que se requirían un mínimo de cinco. Toda a información sobre os premios e as súas bases atópase na páxina web youtubeiras.gal.

Direccións relacionadas



Compartir: