SMARTIAGO

Os bancos intelixentes instalados polo Concello de Santiago non integran ningún tipo de cámara nin captación de imaxes

14/10/2022 Desde o Concello de Santiago quérese aclarar que os sistemas implantados no mobiliario urbano intelixente na cidade para o proxecto Smartiago constan de sensores de infravermellos de presenza, os cales permiten detectar o paso do fluxo de peóns nunha área determinada das proximidades do mobiliario.

Cabe destacar que este sistema de recollida de datos non posúe ningún tipo de cámara de visión nin de recollida de imaxe, simplemente metadatos que alimentarán unha base de datos co fin de proporcionar información valiosa, xa sexa porque se atopan en zonas con grandes aglomeracións ou por ser zonas de paso importantes dentro da cidade, a cal será o punto de partida para a realización de simulacións do fluxo peonil de Santiago.

A instalación dos bancos enmárcase dentro da contratación de servizos de investigación e desenvolvemento (I+D) de algoritmos avanzados de modelado e simulación da mobilidade peonil, dentro do proxecto Smartiago. É unha das contratacións da vertical de mobilidade.

Neste proxecto, no que se están desenvolvendo unha serie de algoritmos avanzados para modelado e simulación da mobilidade peonil, vaise desenvolver o que comunmente se coñece como un xemelgo dixital de mobilidade peonil urbana. Trátase dun desenvolvemento que permitirá modelar fluxos de mobilidade peonil e, o que é máis importante, estimar o impacto sobre estes de cambios na contorna urbana de maneira que será un instrumento de planificación urbana.

Nese contexto, o mobiliario urbano intelixente (bancos), non só está pensado para incentivar a mobilidade peonil, senón tamén para validar as predicións do xemelgo dixital á hora de contrastar a evolución dos fluxos peonís. Para iso, cada un dos bancos dispón dun sensor que realizará un envorcado de datos unha vez ao día agrupando estes por franxas horarias.

O pasado xoves día 13 comezou a instalación do devandito mobiliario intelixente, comezando coa colocación de 5 bancos na rúa de San Pedro Mezonzo. Está previsto que ao longo do día de hoxe, venres 14 de outubro, instálense 3 máis bancos na rúa Carreira do Conde e un último banco en Praza Galicia. A montaxe ten prevista a súa finalización durante a próxima semana, concretamente o mércores día 19, e durante estes días colocaranse 4 bancos na rúa do Hórreo, 3 bancos na Avenida Xoan XXIII, 3 bancos no Centro Médico Concepción Arenal e os 3 últimos bancos situaranse na rúa dos Feans. Trátase dunhas localizacións que non son definitivas e que se poderán modificar de resultar necesario.

A licitación só financia os desenvolvementos tecnolóxicos e a posta en marcha do living lab, a súa explotación correrá a cargo da adxudicataria cun compromiso mínimo de 18 meses. Para ese período poderá tentar acceder a fontes de financiamento públicas adicionais pensadas para tales efectos.

Cofinanciamento FEDER

O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude a un convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE) 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%

Compartir: