CONSORCIO

O Consocio organiza co Collegium Compostellanum un obradoiro de dirección de coro

23/04/2007 Aberto a tods os interesados de maneira gratuíta, o programa inclúe dous concertos da Sociedade Coral Eurídice de Bolonia, unha das agrupacións más antigas de Italia (1880), e clases maxistrais impartidas polo seu director Pier Paolo Scattolin.

Entre o 25 e o 29 de abril desenvolverase en Santiago un Obradoiro de dirección de coro, orientado a directores, compositores, estudantes de música, profesionais e, en xeral, a tódalas persoas interesadas na música coral. Froito do seu programa de dinamización turístico cultural, o Consorcio encomendou a organización deste curso ao Collegium Compostellanum, en colaboración coa Escola de Altos Estudos Musicais.

Cómpre lembrar que Santiago participou en "Voces de Europa", proxecto coral realizado en común polas nove Cidades Europeas da Cultura no ano 2000. Algunhas destas cidades seguiron desenvolvendo proxectos de colaboración no ámbito da música coral. Particularmente destacables foron os de Cracovia e Bolonia, cidade que obtivo da UNESCO o galardón Cidade da Música. Na vida musical de Bolonia teñen especial relevancia as actividades da Sociedade Coral Eurídice, unha das agrupacións corais máis antigas de Italia (1880).

Clases maxistrais e concertos

Ademais das clases maxistrais impartidas en Santiago polo mestre Pier Paolo Scattolin para directores de coro e coralistas, en dúas sesións de tres horas dedicadas ao análise de obras e a práctica de dirección, o programa inclúe dous concertos da Sociedade Coral Euridice, incluíndo unha celebración litúrxica na catedral.

Os interesados na realización deste obradoiro deben cumprimentar un boletín de inscrición, que será presentado na Secretaría do Curso, situada na Escola de Altos Estudos Musicais. As prazas son 12 e a matrícula gratuíta. No caso de que as solicitudes de inscrición superen este número, os alumnos serán seleccionados mediante currículo e unha proba práctica. Os contidos das sesións centraranse no estudo da técnica de dirección e análise de obras corais; na relación entre a técnica xestual e a partitura; e o achegamento á música coral de diferentes épocas e estilos.

Compartir: