REHABILITACIÓN

Asinado o acordo co Ministerio de Vivenda para a Área de Rehabilitación Integral de Vista Alegre

23/04/2007 A sede da Delegación do Goberno acolleu a sinatura dos acordos para a Área de Rehabilitación Integral no polígono de Vista Alegre e para a Área de Rehabilitación do Casco Histórico. No acto estiveron presentes o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; a ministra de Vivenda, María Antonia Trujillo; o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; e a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas.

O acordo asinado para a ARI de Vista Alegre contempla actuar en 852 vivendas, se ben se comezará por acometer traballos en 200, executándose obras de recuperación de elementos comúns dos edificios, así como outras de adecuación de habitabilidade das vivendas. O custo destas actuacións avalíase en 4.000.000 de euros, cantidade á que se suman os 900.000 euros que se destinarán a accións en materia de infraestruturas e urbanización. O custo total ascende a 5.180.000 euros, nos que se inclúen os 280.000 para financiar os gastos que xere o equipo técnico adscrito á Ventaniña Única de Vivenda.

Desta contía, o Ministerio de Vivenda aportará 1.192.000 euros (145.333 en 2007; 361.333 en 2008; 885.333 en 2009) para financiar as actuacións de rehabilitación de edificios, vivendas, urbanización e equipo técnico adscrito á Ventaniña Única de Vivenda, representando un 23,01% do total.

A Xunta de Galicia achegará o 22,59% do total, é dicir, 1.170.000 euros (117.000 en 2007; 351.000 en 2008; 702.000 en 2009) para a execución de actuacións de rehabilitación e urbanización. Pola súa banda, o Concello de Santiago aporta o 11,93% (618.000 euros repartidos deste xeito nas seguintes anualidades: 56.000 en 2007; 56.000 en 2008; 506.000 en 2009) destinado a obras de infraestruturas, rehabilitación e a financiar os gastos do equipo técnico que xestionará as actuacións na ARI e que estará coordinado coa Ventaniña de Vivenda. Aos particulares correspóndelles achegar o 42,47% restante (2.200.000 euros).

No que se refire ao acordo para a Área de Rehabilitación do Casco Histórico, a contía total que se establece é de 902.000 euros, dos que 666.666 se destinarán a obras de recuperación de elementos comúns dos edificios, así como a outras para a adecuación da habitabilidade das vivendas; 180.000 serán para actuacións de infraestruturas e urbanización; e 56.000 euros para sufragar os gastos do equipo técnico. Esta área de rehabilitación establece actuacións en 2.407 vivendas; no programa de 2006 actuarase en 40.

O Goberno central aportará o 35,05% (316.400 euros), a Xunta, o 28,14% (254.000 euros), o Concello de Santiago, o 11,70% (105.000 euros), e os particulares, o 25,11% (226.666 euros).

O período de duración das actuacións previstas nos acordos establécese ata o 31 de decembro de 2009.

Compartir: