OBRAS E EDUCACIÓN

As concellarías de Obras e Educación levaron a cabo 69 actuacións durante o verán nas escolas infantís e colexios de primaria da cidade por algo máis de 300.000 euros

20/09/2022 Os concelleiros de Obras, Javier Fernández, e de Educación, Rubén Prol, fixeron balance das obras levadas a cabo durante a tempada de verán en distintos colexios públicos de Santiago. Foron un total de 69 actuacións de conservación, reparación e pequena reforma, que afectaron a 19 centros e que contaron cun orzamento de algo máis de 300.000 euros.

O edil de Obras, Javier Fernández, explicou que as 69 actuacións que estaban programadas para este verán, "desenvolvéronse segundo o previsto e sen incidencias". Estes traballos, que están "incluídos nunha previsión anual consensuada entre os departamentos de Obras e de Educación", foron realizados nun total de 19 centros educativos: 5 escolas infantís, entre consorciadas e municipais, 2 escolas rurais e en 12 CEIPS, o que supón un "un 86% dos centros educativos de competencia municipal, por un importe de 302.776 euros".

Pola súa banda, o concelleiro de Educación, Rubén Prol recordou que "en tres anos, investimos na mellora e mantementos dos centros educativos da cidade, 1,2 millóns de euros. E ímolo seguir facendo, porque somos conscientes de que a educación é o principal piar sobre o que se vai asentar o futuro da nosa cidade".

O edil de Educación explicou que as partidas máis elevadas foron as destinadas aos centros Pío XII, ao CEIP Vite, ao CEIP Roxos-Villestro, ao CEIP Apóstolo Santiago, e ao CEIP Fontiñas. Rubén Prol tamén quixo reiterar o "compromiso do Concello por manter todos os centros e non descoidar as instalacións, estean situadas na zona urbana ou no rural".

Actuacións realizadas

Do total das 69 actuacións levadas a cabo este verán, o edil de Educación destacou as seguintes:

- Na escola Pío XI realizáronse labores de pintado interior e das columnas do polideportivo, mellorouse a recollida de augas na saída do patio novo e nas escaleiras, arranxáronse os canlóns e substituíronse dous lucernarios rotos.

- No CEIP de Vite procedeuse á limpeza dos muros do patio e a limpeza e pintado das pistas deportivas exteriores. Tamén se pintaron as paredes de secretaría, dirección, as do corredor do primeiro andar, as do segundo e terceiro andar e o muro do aparcadoiro. Tamén se aperturou un acceso á horta para cadeiras de rodas, e se vernizaron as mesas exteriores da horta escolar.

- No CEIP de Roxos-Villestro, un dos principais centros do rural compostelán, retirouse o aramio entre o patio de primaria e o espazo da horta, así como o muro que queda fronte ás escaleiras do comedor. Tamén se pintou o muro do parque de infantil con pintura de pizarra, prolongouse a varanda do patio infantil e reforzouse a de acceso ao comedor no partio cuberto. A maiores substituiuse o valado posterior do centro, e procedeuse ao arranxo e pintado das aulas de primaria, do comedor, das columnas e da fachada de entrada o centro e da varanda que separa o pavillón.

- No Apóstolo Santiago pintáronse os radiadores, portas, o salón de actos e o comedor; dividíronse os inodoros do comedor, limpouse e arranxáronse os canlóns e baixantes e os desauges, e asfaltouse o acceso lateral do centro.

- En Fontiñas, leváronse a cabo labores de pintado de portas e paramentos de escaleiras; e de limpeza e pintado das cúpulas de facahdas dos edificios de infantil e educación primaria e tamén das fachadas do patio cuberto. Tamén se procedeu ao arranxo do linoelo do hall de entrada, e das beirarrúas situadas na fachada do patio cuberto.

Colaboración entre departamentos
A Concellería de Educación, en colaboración coa Concellería de Obras e outros departamentos municipais, executan ao longo do ano unha serie de obras ordinarias que se complementan nos períodos nos lectivos con intervencións de máis profundidade para garantir a correcta conservación, reparación e mantemento do total de 25 centros que dependen do Concello. Este total engloba 3 escolas rurais, 13 centros de educación infantil e primaria de carácter público, 6 escolas infantís municipais, 1 escola municipal de música e 1 ludoteca.

Compartir: