POLÍTICAS SOCIAIS E SAÚDE

A sede de Aspanaes en Santiago recibe a visita dos concelleiros Mila Castro e José Manuel Pichel

19/09/2022 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro; o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso visitaron hoxe a sede de Aspanaes (Asociación de Pais e Nais con Espectro Autista) en Santiago. Un centro, segundo destacou Mila Castro, de "referencia a nivel de Galicia" tanto pola ubicación, nunha contorna natural, como polo equipamento, que o organismo provincial subvencionou con 150.000 euros.

Durante a visita ao centro, estiveron acompañados da presidenta da Federación de Autismo de Galicia, Mercedes Fernández, que tamén é vicepresidenta de Aspanaes; polo presidente da entidade, Ignacio Labella e polo director xerente, José Alén. Neste momento, a sede de Aspanes en Santiago atende a 28 usuario e usuarias, aínda que conta con 50 prazas autorizadas. Entre as actividades que ofrece para o seu desenvolvemento e integración social, figuran informática, encadernación, ou xardinería.

Aspanaes
Aspanaes é unha entidade non lucrativa de acción social que traballa para apoiar ás persoas con autismo e ás súas familias, creando oportunidades para mellorar a súa calidade de vida a través de servizos de valoración e diagnose, de formación, de ocio, de atención temperá, de estratexias psicoeducativas, ou de atención terapéutica. Tamén ofrecen asesoramente e apoio ás familias das persoas con TEA (Transtorno do Espectro Autista). Todos estes servizos, que se poden solicitar en calquera etapa do ciclo vital da persoa, permiten mellorar as condicións de vida das persoas con TEA e dos seus familiares.

Compartir: