AUDITORIO DE GALICIA

Gustav Leonhardt ofrecerá un concerto para descubrir os contemporáneos de Bach

24/05/2005 O vindeiro xoves, 26 de maio o clavecinista Gustav Leonhardt actuará ás 21 horas no Auditorio de Galicia interpretando obras de J. A. Reinken, D. Buxtehude, J.J. Froberger, Anónimo, G. Leroux e J. S. Bach. As entradas, dun prezo de 9 euros, poñeranse á venda o día 25 de maio e o mesmo día do concerto no despacho de billetes do Auditorio de Galicia de 12 a 14 e de 17 a 20 horas. Tamén estará aberto o servizo de venda telefónica nos teléfonos 981 57 10 26 e 981 57 39 79.

Gustav Leonhardt, considerado como un dos máis eminentes especialistas no campo da música antiga, ofrecerá un programa que é un compedio da música de tecla do norte de Alemaña, invitando ao público a descubrir aos contemporáneos de J. S. Bach e relacionando as tres obras de xuventude deste coas dos seus precursores Reiken, Buxtehude e Froberger, entre outras.

Foi interpretando o Arte da Fuga de Bach ao clavecín ao comezo dos anos cincoenta que Gustav Leonhardt se deu a coñecer. Desde 1950 desenvolveu unha intensa actividade como solista de clave e órgano, dando recitais por toda Europa, Norteamérica, Xapón, Australia e Suramérica.

Ten gravado máis de 180 discos. Como musicólogo publicou un detallado estudio sobre o "Arte de da Fuga" de J. S. Bach. En 1967 interpretou o papel de J. S. Bach no filme de J. M. Straub "Crónica de Ana Magdalena Bach". Desde 1969 ocupa unha cátedra na Universidade de Harvard. Ademais, dirixiu ás principais agrupacións de instrumentos orixinais, das que foi un constante inspirador, como La Petite Bande, The Orchestra of the Age of Enlightenment.

En colaboración con N. Harnoncourt gravou a totalidade das Cantatas de Bach. Extraordinariamente importante foi o seu labor como integrante do trío Brüggen, Bylsma e Leonhardt, cos que desenvolveu unha importante actividade musicolóxica e concertística, sentando as bases do que agora coñecemos como interpretación con criterios e instrumentos orixinais, a verdadeira aportación dos instrumentistas á historia da música no S. XX.

En 1980 recibiu o "Premio Erasmus", e en 1983, 1984 e 1991 recibiu varios doctorados "Honoris Causa" polas universidades máis prestixiosas de Europa e América.

Compartir: