MOBILIDADE

O Concello celebra a Semana Europea da Mobilidade con pedaladas e charlas baixo o lema "Conectando mellor"

14/09/2022 Un ano máis o Concello de Santiago súmase á celebración da Semana Europea da Mobilidade que terá lugar entre o 16 e 22 de setembro. Este ano o evento xira arredor do tema "Conectando mellor", xa que tras estes anos de illamento e restricións á mobilidade, preténdese recuperar as relacións socias e a conexión entre as persoas, dando así cabida a todas as formas de transporte, tanto colectivo coma individual.

O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; José Ramón Mosquera, xerente de TUSSA; e Miguel Soto Castiñeira, responsable de ciclismo de Decathlon-Santiago, presentaron esta mañá as actividades da Semana da Mobilidade que arrancarán en Santiago o vindeiro domingo 18 de setembro e que este ano céntrase en tres eixes: o papel do peón na cidade, a bicicleta e as novas tecnoloxía nunha "aposta polo transporte sostible en calquera dos seus modos así como pola a modernización do mesmo", indicou o edil de Mobilidade.

Gonzalo Muíños recordou que o Concello de Santiago conta cuns "obxectivos claros a acadar en tema de mobilidade" tales como "mellorar a calidade de vida e a recuperación do espazo público, unha cidade inclusiva, accesible e saudable, unha mobilidade segura, novos modelos enerxéticos, que sexa quen de dinamizar dende o punto de vista socio-económico e onde estean integradas as institucións e os distintos colectivos sociais".

Día da Bicibleta
O programa da Semana Europea da Mobilidade en Santiago arrancará o vindeiro domingo 18 de setembro coa xornada "Coñece Compostela en Bicicleta" que comezará ás 11:00 h cunha marcha ciclista con saída e chegada desde a praza do Obradoiro. O percorrido terá unha distancia de 10 quilómetros co fin de fomentar a mobilidade urbana e o deporte en familia e poderase participar tanto en bicicleta e en patinete eléctrico. Ao finalizar a marcha terá lugar unha gymkana para que os máis cativos poñan en práctica as súas habilidades en bicicleta e impartiranse obradoiros de mecánica.

Poderán recollerse os dorsais na tenda Decathlon Santiago de Compostela a partir do venres 16 presentado o bono de inscrición. É obrigatorio do uso de casco.

Charlas informativas
A cidadanía tamén poderá achegarse ao mundo da bicicleta e a mobilidade sostible a través de varias charlas que terán lugar ao longo da semana:"O Proxecto Smartiago (Innovación na Mobilidade)", o luns 19 ás 19:00 h); "Seguridade Viaria", o martes 20 ás 19:00 h; "Plan de Mobilidade. O Peón", o mércores 21 ás 19:00 h; "A Bicicleta Eléctrica" (xoves 22 ás 18:00 h) e "A Mobilidade en Bicicleta en Santiago de Compostela" (venres 23 ás 20:00 h).

Direccións relacionadas



Compartir: