URBANISMO

Modificación puntual do título III do PXOM: regulación de usos

06/09/2022 O Pleno da Corporación aprobou o pasado 12 de marzo de 2021 de forma inicial a modificación puntual do título III do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), co obxectivo de preservar a función residencial da cidade, e, ao mesmo tempo, garantir a dotación daqueles usos e actividades complementarias que proporcionan servizo á poboación residente.

Durante o prazo de dous meses as persoas puideron consultar o expediente e formular as alegacións oportunas. Unha vez pechado ese prazo e revisadas todas as alegacións, elaborouse un documento reformado no que se integran as modificacións introducidas sobre o texto arobado inicialmente, razón pola que o Concello someterá de novo a exposición ao público o documento, antes da súa aprobación provisional. O prazo comezará unha vez publicado no DOG o acordo de nova apertura de información pública, que terá que ser aprobado polo Pleno.

A documentación sometida a exposición pública, unha vez aprobada polo Pleno, estará a dispor da cidadanía na páxina web do Concello. A información poderá consultarse tamén no Xeoportal IDE de Santiago de Compostela.

As persoas interesadas poden dirixirse para calquera consulta ao Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, en horario de 9 a 14 horas, previa cita que haberá de solicitarse no número de teléfono 981542426.

Nas alegacións que se presenten deberá constar a referencia PLA/38/2019.

Ao pé desta información facílitase un documento coas preguntas e respostas máis frecuentes.

Obxectivo de modificación

A finalidade desta modificación puntual do PXOM é preservar a función residencial da cidade, e, ao mesmo tempo, garantir a dotación daqueles usos e actividades complementarias que proporcionan servizo á poboación residente. Con esta modificación tamén se trata de dar unha resposta conxunta e integrada a diversos problemas suscitados ao longo da vixencia do PXOM.

O documento foi elaborado de oficio polo Servizo de planeamento deste Concello, a partir do coñecemento da cidade e a experiencia do conxunto dos técnicos municipais do departamento de Urbanismo, en particular dos técnicos de licenzas.

Entre os principais cambios introducidos figura unha nova sistematización e definición dos usos urbanísticos para establecer un réxime de compatibilidade de usos máis flexible; a identificación das denominadas zonas sensibles da cidade, é dicir, aquelas nas que resulta determinante manter a prevalencia do uso residencial, e unha axeitada proporción de usos complementarios, (ben sexa porque son zonas sometidas a presión turística, como son a cidade histórica, e o Ensanche ou ben porque son esenciais para manter a vitalidade da cidade histórica.como poden ser Vite ou As Fontiñas).

Respecto das vivendas de uso turístico, distínguense dous supostos. O primeiro, a súa implantación como actividade económica, que só se autoriza na planta inferior das que se permita o uso residencial(planta baixa ou primeiro andar, segundo cada ordenanza), cunha condición adicional de altura mínima nas zonas sensibles. O segundo, como uso asimilado ao residencial, que permite outras posicións, pero que debe estar sempre vinculado a un uso habitual da vivenda, e que se regula cunha ordenanza complementaria específica.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: