CULTURA

O grupo Arrás presenta o seu primeiro disco "Asumindo riscos"

20/04/2007 O concelleiro de Cultura Néstor Rego e membros do grupo Arrás presentaron o concerto de presentación do seu primeiro disco "Asumindo riscos" que terá lugar o sábado 21 de abril, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal. As entradas terán un prezo único de 5 euros e poderanse mercar no lugar do concerto.

Néstor Rego sinalou que esta é unha iniciativa máis dende o seu departamento para abrir o Teatro Principal a grupos novos para que poidan amosar o seu traballo ao público da nosa cidade. Respecto do grupo Arrás, sinalou que espera que este primeiro traballo sexa un gran éxito ao que lle siga unha traxectoria meteórica.

Pola súa banda, Rocío Jiménez, vocalista de Arrás, agradeceu o apoio á Concellaría de Cultura. O teclista do grupo, Pablo Gómez, sinalou que a música do seu traballo é unha simbiose de varios estilos pero "sen ancorarse en ningún deles para acadar unha maior diversidade e mestura".

O grupo Arrás, que naceu no ano 2005, foi o gañador do VI Certame Folk de Radio Obradoiro, o que lle serviu para gravar o seu primeiro disco. Segundo indicaron os seus integrantes, o seu estilo procura romper co folk tradicional, que acusa "unha certa monotonía dos grupos e unha certa saturación nas ideas".

Ademais de Rocío Jiménez e Pablo Gómez, o resto dos seis integrantes do grupo son David Bellas, Michel Rivadulla, Manu Abraldes e Jimmy Faílde.

Compartir: