TURISMO

Santiago logra o seu máximo histórico de pernoctacións en xullo con máis de 180.000

24/08/2022 Os establecementos hoteleiros de Santiago xa superan as pernoctacións acumuladas nos sete primeiros meses do ano 2019 confirmando a forte reactivación turística da cidade.

Os establecementos hoteleiros de Santiago sumaron no pasado mes de xullo o seu máximo histórico de pernoctacións neste mes con 181.156 pernoctacións, cun cremento do 12,73% respecto de xullo do 2019, segundo os datos do INE.

No acumulado do ano, de xaneiro a xullo, Santiago suma xa 789.695 pernoctacións, situándose xa por riba das 786.577 recollidas neste mesmo periodo do 2019, ano no que se conseguíu o record anual de pernoctacións na cidade.

Os datos de pernoctacións de xullo recollidos polo INE, sumados aos datos de evolución do aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro recollidos por AENA, que destacaban un crecemento mensual do 20% respecto a xullo 2019, máis os datos de Compostelas entregadas pola Oficina de Acollida ao Peregrino, confirman a forte reactivación turística da cidade ao longo do ano, situando a demanda turística da cidade xa por riba dos datos pre-Covid.

Segundo os datos do INE, a recuperación da demanda turística de Santiago está sendo máis rápida que a media española, tal e como está sucedendo tamén no aeroporto. Así, neste mes de xullo, fronte ao crecemento do 12,7% de Santiago respecto do 2019, a media española aínda se situou por baixo dos datos pre-Covid, cun descenso do 2,1%.

O crecemento nas pernoctacións en Compostela apoiouse tanto na consolidación dos datos do turismo español como na constante e progresiva recuperación do turismo internacional, posible en boa medida grazas á ampliación de rutas e frecuencias con múltiples destinos europeros dende o aeroporto de Santiago.

O turismo español sumou 110.921 pernoctacións en xullo, practicamente un 20% máis que no 2019, superando tamén os datos do Ano Santo 2010, cando se alcanzaran as 94.157 estadías. Pola súa banda, o turismo internacional chegou ata as 70.235 pernoctacións, un 3,72% máis que no 2019.

Dende Turismo de Santiago considérase que estes datos oficiais confirman a forte reactivación turística da cidade pese ao complexo contexto global actual, avalando o traballo que se ten feito dende a entidade de xestión turística municipal nos últimos anos.

Compartir: