PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Encontro Internacional de Equal pon de manifesto a importancia das políticas de xénero no desenvolvemento local

20/04/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, e o alcalde de Ames, Carlos Fernández, como representantes da Comisión Executiva da Agrupación de Desenvolvemento Equal Compostela Social, inauguraron o Seminario Transnacional "O impacto dos Proxectos Equal no desenvolvemento local desde unha perspectiva de xénero". O seminario enmárcase no Encontro internacional para o desenvolvemento local desde a transversalidade de xénero, organizado pola Agrupación de Desenvolvemento Equal Compostela Social. Nas xornadas participan cen expertos en emprego de España, Polonia, Italia e Grecia.

Xosé Manuel Iglesias sinalou que un dos principais retos de do Proxecto Equal Compostela Social, a través do que se levan creadas 33 novas empresas, é loitar contra as desigualdades por razón de sexo. Destacou que este programa experimental é pioneiro a nivel local e comarcal en promover políticas que incorporen a transversalidade de xénero e a igualdade de oportunidades, nas que segundo dixo, acadáronse importantes resultados. Carlos Fernández engadiu que son necesarios programas como Equal para impulsar políticas de corte social, nas que igualdade e emprego sexan prioritarios.

Despois da apertura do seminario, a experta en xénero e políticas de igualdade, Magalí Martínez Solimán, da empresa Travesías por la igualdad, impartiu a conferencia "A transversalidade de xénero na creación de empresas e o desenvolvemento local". A ponencia centrouse en ilustrar cómo aplicar o enfoque de xénero na creación de empresas e no desenvolvemento local, tanto desde o punto de vista conceptual como metodolóxico. A continuación, a responsable da Consultora en xénero e políticas de igualdade. Sánchez-Albornoz, SLNE, Elisa Sánchez-Albornoz, presentou o manual "A transversalidade de xénero na planificación do desenvolvemento local", o primeiro que se edita en Galicia.

Logo foi a vez dos responsables das delegacións de Equal de Italia, Grecia, Polonia e España, que presentaron un balance da aplicación dos programas nos seus respectivos países. A responsable da área de Promoción Económica da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, Carme Casado, presentou a ponencia "O Impacto social do Proxecto Equal no Desenvolvemento Local". Segundo explicou, a posta en marcha do Proxecto Equal Compostela Social está a provocar un impacto positivo no desenvolvemento social e económico da nosa comarca.

Equal Compostela Social, deseñado pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego e aprobado pola Unión Europea nesta lexislatura, basease na cooperación entre institucións e organizacións. É un programa dirixido á área de Compostela. Nel tamén participan os concellos da Mancomunidade, Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra, a Consellería de Traballo, a Universidade de Santiago, a Fundación para o Desenvolvemento Comarcal da área de Santiago, a Cámara de Comercio da cidade, a Plataforma polo Emprego e Cogami.

Compartir: