XUNTA DE GOBERNO

Apróbanse as subvencións destinadas ao fomento de actividades a prol da igualdade e á prevención das violencias machistas

17/08/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de subvencións para o fomento das iniciativas en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes, das persoas do colectivo lésbico, gay, transexual, bisexual, queer e intersexual (LGTBQI) e de prevención e loita contra as violencias machistas, para o ano 2022, nunha sesión extrordinaria celebrada o pasado venres. Un total de 14 entidades locais beneficiaranse destas axudas que suman 28.593,98 euros.

Con esta partida, o Concello financiará cunha contía máxima de 2.500 euros por entidade o total dos 14 proxectos no ámbito da igualdade que se presentaron á convocatoria: "Xogando somos iguais", da Asociación para a Promoción e Integración das Mulleres Galegas do Rural (AGRA) (2.500 euros); "DIVA: Programa de Formación, Orientación e Atención ás persoas LGTBIQA+ e familias", de Arelas (2.500 euros); "Mulleres na Raia", da Asociación Arraianas (2.500 euros); "Tempo en Igualdade", da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR) (2.500 euros); "Proxecto Recréate", da Asociación e Mulleres con Discapacidade en Galicia (ACADAR) (953,22 euros); "Acaroar", da Asociación da Plataforma polo Emprego (2.500 euros); "V Xornadas de Tecnificación e Empoderamento en Hockey sobre Patíns Feminino", do Hockey Club Raxoi (2.500 euros); "Mulleres sordas en acción", da Asociación de Personas Sordas de Santiago de Compostela (700 euros); "Labregas e espazos de venda", do Sindicato Labrego Galego (2.500 euros); "Programa IX Muller en Igualdade", da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA) (1.500 euros); "Xuntas cara a Igualdade", da Asociación Centinelas (2.500 euros); "Achégate a nós", da Asociación de Empregadas de Fogar Xiara (1.500 euros); "Tecendo fíos de cores", da Fundación Amigos de Galicia (2.500 euros); e "Muller Tea: proxecto de igualdade e prevención da violencia de xénero a través do apoio nas súas necesidades", da Federación Autismo Galicia (1.440,76 euros).

Este programa municipal divídese en tres liñas de subvencións:

A liña 1 está dirixido a programas e actividades de fomento da igualdade efectiva entre mulleres e homes. O obxecto desta liña é o de apoiar a realización de actividades e o desenvolvemento de iniciativas que promovan a igualdade de xénero.

A liña 2 céntrase en financiar aqueles programas e actividades que fomentan a igualdade efectiva das persoas LGTBQI, no que se inclúen accións de sensibilización contra os estereotipos e prexuízos e de promoción da visibilidade e normalización dos dereitos do colectivo.

Unha terceira liña pon o foco naquelas iniciativas que contribúen á prevención das violencias machistas no municipio de Compostela, apoiando a posta en marcha e/ou o desenvolvemento de actividades que teñan como finalidade a avanzar cara a unha cidade libre de violencias machistas.

Outros acordos
O executivo municipal tamén aprobou a adxudicación da realización dun estudo que sirva como base para a elaboración do plan de acción da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela. Financiado ao abeiro dunha convocatoria do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana no marco dos fondos Next Generation EU. Este servizo foi adxudicado á empresa a ESTRATEGIA Y ORGANIZACIÓN SA por un importe total de 89.512,68 € .

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao convenio coa Universidade de Santiago de Compostela polo que se concederá unha subvención por valor de 40.000 euros para a realización das accións "Dirección executiva da Axenda Urbana de Santiago de Compostela", dentro do Plan Estratéxico de Acción Local (PEAL) e "Xestión do Comité Socioeconómico", de acordo cos obxectivos plantexados no marco do programa Compostela Móvese 2022.

Compartir: