MEDIO AMBIENTE

O Concello e Viaqua lanzan unha campaña para fomentar o consumo responsable para evitar situación de seca

03/08/2022 O Concello de Santiago e Viaqua, como xestora dos servizos municipais de abastecemento de auga potable e rede de sumidoiros de augas residuais, fan un chamamento aos veciños e veciñas, así como a turistas e habitantes non empadroados/as que veñen gozar das súas vivendas neste período estival, para que tomen conciencia da necesidade de facer un consumo racional, axustado e solidario da auga.

A campaña ofrece unha serie de consellos que a cidadanía pode aplicar no ámbito doméstico co fin de moderar o consumo de auga e evitar o despilfarro. Entre as medidas recomendadas están as referidas ao uso das billas, o aproveitamento das zonas de rego ou a optimización das piscinas.

Esta iniciativa pretende contribuír ao mantemento das reservas durante o período vacacional, xa que nos últimos anos a situación climatolóxica, con eventos extremos cada vez máis frecuentes, tivo un impacto negativo nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para tratar de anticiparse e manter as reservas estables, é necesario reducir a pegada hídrica, facendo un consumo racional da auga e adoptando pequenos xestos cotiás que contribúan á redución do seu consumo e desgastes innecesarios.

Accións sinxelas, pero moi útiles
Por isto, Viaqua solicita a colaboración cidadá para que, entre todos, contribuír á redución do consumo de auga. Neste sentido, é imprescindible asegurar un uso racional, evitando malgastes, lembrando a necesidade de seguir normas como:

- Uso preferente de ducha fronte ao baño.
- Utilización da lavadora e o lavalouzas a plena carga e en programa económico.
- Evitar o lavado de coches ou patios con auga potable.
- Manter as billas abertas o tempo imprescindible de uso.
- Pechar levemente a chave de paso da vivenda se se vai a estar varios días fóra.
- Evitar regar o xardín e as plantas con auga potable e nas horas de maior calor.
- Manter a auga na piscina para garantir a propia estrutura do vaso, ademais de non desperdiciar o volume.

Ademais de seguir todos estes consellos, a campaña invita a toda aquela persoa que sea testemuña dunha situación de despilfarro, que informe ás autoridades de calquera incidencia de perda ou malgasto.

Estas mensaxes de sensibilización difundiranse a través de carteis informativos que se colocarán en centros e dependencias municipais, entre as asociacións veciñais e tamén entre os centros educativos unha vez se abran os mesmos. Ademais, aparecerán a través das diferentes redes sociais.

Compartir: