XUNTA DE GOBERNO

O Concello de Santiago cederá once pavillóns para aloxar, entre o 2 e o 7 de agosto, aos participantes na Peregrinación Europa de Xóvenes

01/08/2022 O Concello cederá ao arcebispado de Santiago 11 pavillóns municipais para acoller a mocidade que participe na "Peregrinación Europea de Xóvenes -PEJ". O total a abonar polo uso das instalacións, conforme aos prezos públicos, será de 40.137,3 euros, segundo o acordado na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe, da que informou, en rolda de prensa, o alcalde Sánchez Bugallo.

Os pavillóns que acollerán aos grupos de mozos e mozas que vaian chegando a Santiago son o Lorenzo de la Torre (do 2 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 233 persoas), o de Fontiñas (do 3 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 373 persoas), o de Vite (do 2 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 336 persoas), o do Restollal (do 2 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 389 persoas), o de Pontepedriña (do 5 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 315 persoas), o do Pío XII (do 3 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 285 persoas), o do Apóstolo Santiago (do 2 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 320 persoas), o de Vite (do 3 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 306 persoas) o de Quiroga Palacios (do 2 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 324 persoas), o de Monte dos Postes (do 2 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 300 persoas) e o de Lamas de Abade (do 5 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 300 persoas).

O acordo adoptado establece que "será responsabilidade única da organización ter elaborados os documentos que sexan necesarios para poder desenvolver as pernoctas programadas nas instalacións deportivas concedidas, coas máximas garantías de seguridade, tales como Declaración responsable, Plans de autoprotección, así como, calquera outro que sexa de obrigado cumprimento". E que "en cada pavillón haberá unha persoa en representación da organización da PEJ 2022, que será o responsable de non superar o aforo permitido en cada instalación e do cumprimento das normas de uso establecidas". Ademais, será necesario contar en cada instalación cedida de mínimo dun voluntario ou voluntaria da organización por cada 50 usuarios para a xestión e organización dos grupos no momento de uso.

Tamén se especifica no acordo que o Concello de Santiago non se fai responsábel dos roubos e/ou furtos que se puideran producir dentro dos recintos deportivos concedidos, nin de calquera incidente e/ou accidente que ocorrese entre o persoal da organización nin entre os asistentes como resultado de comportamentos inadecuados e/ou calquera outra circunstancia que os puidera causar. Así mesmo, o responsable da organización deberá adoptar todas as medidas de seguridade e prevención que sexan necesarias para garantir o correcto desenvolvemento deste evento".

Entre as normas a adoptar figura o prohibición de fumar e consumir bebidas alcólicas dentro do recinto. Tampouco se permite o acceso de animais salvo no caso concreto dos cans guía, e está tamén prohibido cuspir, tirar lixo nas instalacións e manipular os equipamentos deportivos existentes.

Contratación
A Xunta de Goberno Local adxudicou o servizo de xestión das Escolas Infantís Municipais de Conxo, das Fontiñas e de Meixonfrío-Salgueiriños para os cursos 2022/2023 e 2023/2024; á empresa Ana Naya García, por importe de 2.326.409,1 euros, exentos de IVE, despois de aplicar os reaxustes derivados dos periodos de execución.

A empresa adxudicataria oferta dúas horas á semana de contacto/inmersión na lingua inglesa para todos/as nenos/as de 1-2 anos e de 2-3 anos. E tamén oferta, como melloras, distintas dotacións de mobiliario, enseres e xogos; así como contos, albumes e recursos didáctivos en galego; equipamento informático e a realización dun proxecto de intervención plástica.

Na reunión de hoxe, o executivo municipal tamén aprobou a adxudicación do contrato de "Subministración de vehículos eléctricos puros ou con Etiqueta ambiental cero e de vehículos eléctricos híbridos ou con etiqueta ambiental, Lotes II,III,IV e V", e declaráronse desertos os lotes I e VI.

O lote II, de Subministro de dous vehículos con etiqueta ambiental ECO ou híbridos para a Policía Local, adxudicouse á firma Breogán Motor por importe de 54.423,5 euros, IVE engadido. O lote III, de "Subministro de dous vehículos con etiqueta ambiental ECO ou híbridos para a Unidade Móbil Camuflada (UKM) da Policía Local" tamén se adxudicou Breogán Motor por 45.153,88 euros, IVE engadido. En canto aos lotes IV, "Subministro dun vehículo eléctrico puro para o Servizo de Extinción de Incendios", e o lote V, "Subministro dun vehículo eléctrico puro para o Servizo de Protección Civil", adxudicáronse ao concesionario Caeiro Rey, por importe de 37.438,02 e 37.933,88 euros, respectivamente (IVE engadido)

Tamén se adxudicou o contrato denominado "Servizo de Oficina Técnica do Proxecto SMARTIAGO, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020 e nun 10% pola Axencia Galega de Innovación (GAIN)" á empresa Science & Innovation Link Office, por un importe total de 99.329,40 euros

A maiores aprobouse o proxecto construtivo da obra "Pista multideporte e parque infantil na zona verde do SUNP-25 Roxos-Quintáns", ao abeiro do plan POS+ 2022 da Deputación da Coruña, que conta cun orzamento de 150.000,00 euros. E deuse luz verde o expediente denominado "Obras de reforzo de estructuras na rúa dos Concheiros nº 10, 12, 16 e 18" e abrir o procedemento aberto simplificado de adxudicación e tramitación ordinaria, establecendose un tipo de licitación de 101.820,86 euros.

Outros acordos
Por outra banda aprobáronse os textos dos convenios entre o Concello de Santiago e Curz Vermella para o programa "Sen fogar" e "Teleasistencia", por unha contía de 85.000 euros; e o convenio de colaboración coa Asociación para a Promoción Social e a Inserción Laboral Plataforma Polo Emprego, por importe de 12.000 euros, que ten como obxectivo aumentar a empregabilidade das persoas participantes a través de accións centradas na adquisición de hábitos, de capacitación profesional, na orientación e no acompañamento cara o emprego, favorecendo a inserción laboral, a través o proxecto Compostela Convive.

A maiores, autorizose a liquidación dos gastos, por importe de 2.306.766,06 euros, a favor de "Autobuses Urbanos de Lugo y Trap, S.A, polo servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros correspondente aos meses xaneiro a xuño de 2022.

Compartir: