XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local acorda ampliar a validez dos Bonos Corazón Praza de Abastos ata o 17 de setembro

26/07/2022 A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe, aprobou a modificación das bases das axudas dos Bonos Corazón Praza de Abastos, ampliando o periodo de validez dos bonos, que empezaron a funcionar o pasado día 20, ata o 17 de setembro. En principio, remataban o 31 de agosto.

Estes bonos, consensuados coa nova xunta directiva do Mercado de Abastos, emitíronse por un valor de 75.000 euros; dos cales o Concello de Santiago aporta 30.000 euros. A súa finalidade é incentivar a demanda axudando economicamente ás persoas consumidoras e fomentar o consumo no comercio e hostalería integrado na Praza de Abastos. Pódense descargar desde a páxina web do concello ou desde https://bonoscorazoncompostela.gal/

Relacionado co comercio, tamén se aprobou a xustificación da subvención concedida a Asociación Punto Compostela Centro comercial aberto, por importe de 36.729,30 euros.

Fibra óptica
A Xunta de Goberno tamén acordou conceder a Orange España licenza para realizar a fase 13 do plan de despregue da rede de fibra óptica, cun orzamento de execución materia del 20.802,69 euros.
Trátase da derradeira fase de execución do "Plan de despregue da nova rede de fibra óptica no ámbito do plan especial" e contempla o tendido da rede FTTH de Orange no seguinte ámbito:
-Rúa das Hortas (nº pares do 48 a 76)
-Rúa das Galeras, 1 (Casa das Máquinas).
-Rúa da Trindade, nº 2 - 11
-Quinteiro da Rúa San Pedro, Rúa Carricova, Campo da Angustia e Rúa da Angustia.
-Quinteiro da Rúa da Porta da Pena, Hospitaliño, Santa Cristina e Rúa da Atalaia
-Rueiro das Figueiriñas (nº 7 a 36) e Rúa do Lar do Carme (nº 1 -30)
-Rúa de Sar (nº 45-73) e Ponte de Sar (nº impares 21 a 39)
-Rúa dos Basquiños (nº impares do 1 a 93) e Rúa Espírito Santo (nº 1- 68)

Por outra banda, aprobou provisoriamente as novas tarifas do servizo de taxis, unha petición do sector, que entrarán en vigor ó día seguinte da súa notificación aos taxistas.

As vellas tarifas, en vigor desde o 1 de xaneiro de 2018, modifícanse, quedando da seguinte maneira:

-A percepción mínima, que inclúe a combinación de cinco minutuos de espera ou un percorrido de 1.700 metros, increméntase un 4% quedando en horario diurno (de 07:00 h a 23:00 h) en 3,9 euros; en horario nocturno (de 23:00 h a 07:00 h) en 5 euros; e en sábados (de 15:00 h a 23:00 h) e festivos (de 07:00 h a 23:00 h) en 4,3 euros.

-O prezo dos quilómetros percorridos establécese en 1,1 euros en horario diurno, 1,4 euros en nocturno; e 1,18 euros en festivos.

-Polo que respecta á hora de espera, quedaría en 19,5 euros en horario diurno; 28,8 euros en nocturno, e 23,8 euros en festivos.

En canto os suplementos quedarían cos seguintes prezos: por maleta ou bulto, 0,6 euros; por bicicletas, 3,2 euros; por reserva de servizo 3,2 euros; ou por saída de aeroporto, 4,5 euros. Polo que respecta aos servizos, concretamente á tarifa fixa do aeroporto corresponde ao traxecto entre o aeroporto e calquera punto do núcleo urbano de Santiago de Compostela, ou viceversa; establécese en 22 euros.
Segundo explicou o alcalde, Sánchez Bugallo, na rolda de prensa, a variación das tarifas é dun 4,57% de media, cando o IPC subiu, desde 2018, en Galicia, un 15%.

Contratación
No apartado de contratación, acordouse adxudicarlle a concesión de uso privativo do dominio público municipal para a explotación do quiosco sito no Parque da Alameda (lote I), a Kioscos de Galicia, S.L., que oferta un canon de 651 euros ao ano a abonar ao Concello.
Tamén se adxudicou o contrato de "Mellora da accesibilidade do Concello de Santiago 2021" reservado a centros especiais de emprego, á empresa de inserción laboral Properdis, por un importe total, IVE engadido, de 218.006,90 euros; ao ser a oferta máis vantaxosa das presentadas. Esta empresa compromete unha ampliación do prazo de garantía das obras por un período de 5 anos, sobre o mínimo establecido no prego, un aumento do orzamento de control de calidade dun 2 % sobre o 1% obrigatorio e un aumento do orzamento do programa de actuación ambiental dun 2 % sobre o proxectado.

Outros acordos
O Goberno Municipal tamén aprobou a modificación da Ordenanza fiscal 1.03 "Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana", para a súa entrada en vigor ao día seguinte da publicación do acordo do Pleno de aprobación definitiva das modificacións e do texto modificado da ordenanza no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. Esta modificación adecúa a normativa ao Decreto lei aprobado polo Consello de Ministros o pasado 7 de novembro, coa nova formulación do citado imposto, coñecido como plusvalía municipal.

Documentos relacionados



Compartir: