ALCALDÍA

Bando do alcalde con motivo do 25 de xullo

25/07/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, publica hoxe un bando con motivo do 25 de xullo, Día do Apóstolo, no que se lembra das "familias que se están vendo en dificultades" debido ás consecuencias da pandemia e da guerra de Ucraína, e fai un chamamento a "traballar conxuntamente" nestes "momentos difíciles".

Chegamos ao 25 de xullo de 2022 despois de dous anos difíciles, nos que afrontamos adversidades como nunca imaxinamos que teriamos que facer. Á longa e virulenta pandemia, que acabou coa vida de tantos cidadáns e cidadás en todo o planeta, sumouse unha guerra cuxas repercusións máis inmediatas xa estamos a sufrir. Non é posible saber hoxe cando vai rematar, nin como, nin o alcance das súas consecuencias, aínda que é previsible que, máis alá da propia duración do conflito armado, estas se prolonguen durante anos.

Nestas circunstancias, moitas familias estanse vendo en dificultades. Non podemos e non debemos deixar a ninguén atrás. Como servidores públicos, temos que redobrar esforzos para poder saír fortalecidos desta crise.

E non só estamos a falar en termos económicos. A sociedade está a padecer outro tipo de secuelas, máis difíciles de detectar, pero igualmente graves. As incertezas, as restricións, as perdas….sostidas durante tanto tempo están deixando unha fonda pegada psicolóxica. Debemos estar moi atentos e destinar os recursos necesarios.

Se algo aprendemos nestes anos, é que, en momentos de dificultades, é máis necesario que nunca traballar conxuntamente. Fago dende aquí un chamamento a todas as administracións públicas para que afrontemos unidas, independentemente das cores políticas, as circunstancias adversas vindeiras. A unión fai a forza e ningunha cita política debe facer que esquezamos que o noso compromiso primeiro é coa cidadanía, especialmente nos momentos máis duros.

Agora, neste excepcional Ano Santo, é tempo de mirar cara a adiante e de recuperar forzas. Anímovos a todos e a todas a que saiades ás rúas e desfrutedes deste Apóstolo 2022 que ata o 31 de xullo encherá Compostela de música e ledicia.

Connosco gozarán tamén das festas turistas e visitantes, desexosos de coñecer unha cidade secularmente famosa pola súa hospitalidade con quen vén de fóra. Estou certo de que seguirá sendo así.

Veciñanza de Compostela, amigos e amigas, celebrade este 25 de xullo, Día de Galicia e de Santiago. Vivide as Festas do Apóstolo!

Xosé Sánchez Bugallo
Alcalde de Santiago de Compostela


Compartir: