ALCALDÍA

A Familia Real volve a Santiago con motivo do Ano Santo 2022

25/07/2022 O Rei de España, Felipe VI; a Raíña Dona Letizia e as Infantas Leonor, Princesa de Asturias, e Sofía asistiron en Santiago ao tradicional acto da ofrenda ao Apóstolo. A continuación, foron recibidos polo alcalde Xosé Sánchez Bugallo, membros da Corporación municipal e outras autoridades no Pazo de Raxoi, onde asinaron no libro de Ouro da Cidade

Na recepción tamén estiveron presentes Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; Nadia Calviño, vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital; Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social; Alberto Núñez Feijóo, xefe da oposición; Miguel Ángel Santalices, presidente del Parlamento de Galicia; José Miñones, delegado do Goberno en Galicia ; e o almirante general Teodoro E. López Calderón, Jefe do Estado Maior da Defensa.

Felipe VI realizou, como vén sendo tradición nos Anos Santos, a Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago. Na súa intervención lembrouse e expresou a súa solidaridade con "todas as persoas que sufriron e que aínda sofren as terribles consecuencias dos incendios que están a arrasar tantos lugares de España. Persoas que tiveron que ser evacuadas dos seus fogares, que perderon as súas casas, as súas colleitas, as súas ganderías, o seu modo de vida, a vida mesma...". Tamén quixo agradecer o "esforzo titánico de cantos participan nas tarefas de extinción" así como "aos voluntarios e veciños".

Tanto o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como o resto do equipo de goberno, asistiron á cerimonia relixiosa, na que tamén estaban presentes varios membros dos grupos da oposición; e distintas autoridades, eclesiásticas, autonómicas, do goberno de España e das diferentes Forzas Armadas. Felipe VI aludiu á guerra en Ucraína e á necesidade de "reivindicar unidos -e neste especial Ano Santo Xacobeo- os valores, cívicos, culturais e espirituais do Camiño de Santiago, trazados polos pasos dos innumerables peregrinos que o percorreron ao longo dos séculos ata a actualidade", mantendo "a paz como o norte da nosa brúxula. Agora e sempre".

Neste 2022, engadiu "ao contrario do que se anhelaba, as incertezas permanecen, non só no ámbito sanitario, senón tamén as relacionadas coa paz ou coa economía. A complexidade da situación actual é evidente e supón novamente un reto colectivo de gran envergadura". Sen embargo, o Rei recalcou que neste últimos anos "non se dobregou a nosa capacidade para seguir adiante. Porque España ten valores; os valores dun pobo responsable, decidido, forte, solidario, que percorreu o seu camiño con enteireza. Nunca nos faltou nin ambición nin coraxe. Porque España ten carácter. E demostrouno a través da súa historia, demóstrao día a día e demostrarao sempre.".

Felipe VI tivo tamén palabras en galego na súa invocación ao Apóstolo, ao que se encomendou "para que nos axude a atopar certezas que sirvan de guía non noso vieiro de aquí en adiante". "A afouteza que o paso dos séculos impregnou en todas as sendas que nos traen ata aquí axúdanos a afrontar con azos renovados as dificultades do presente. Ao igual que a luz da torre Berenguela nos orienta cara ao Apóstolo, os valores inmutables da peregrinación guiarannos de novo na superación das adversidades", engadiu.

Por outra banda, o arcebispo Julián Barrio tamén lembrou, na súa homilía, "ás persoas vítimas da violencia e das guerras en Ucraína e outros países, e que sofren as consecuencias físicas e morais" e pediu "por quen perdeu a súa vida ou os seus bens polos incendios forestais, polos que morreron no mar e as súas familias, e por todos os nosos gobernantes, para que teñan fortaleza, xenerosidade e constancia na busca da renovación ética e moral da nosa sociedade".

Actos protocolarios
Antes da cerimonia relixiosa, Felipe VI pasou revista ás tropas na praza do Obradoiro.

Coa chegada das primeiras autoridades, sobre as 11:50 h da mañá, incorporouse a bandeira á Forza, xa formada. Sobre as 12:00 h chegou a familia real; Felipe VI, a Raíña Dona Letizia; a Infanta Leonor, Princesa de Asturias; e a súa irmá, a Infanta Sofía. Na praza do Obradoiro foron recibidos polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Nadia Calviño; Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social; Alberto Núñez Feijóo, xefe da Oposición; Miguel Ángel Santalices, presidente del Parlamento de Galicia; José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; e o almirante general Teodoro E. López Calderón, Jefe do Estado Maior da Defensa.

A continuación foi cando Felipe VI pasou revista á Forza en formación, saudando á bandeira ao seu paso. Finalizada a revista, o monarca despediu a bandeira e ás tropas, e produciuse o saúdo entre a Familia Real e as autoridades. Inmediatamente despois, dirixíronse cara a Catedral, para asistir á cerimonia relixiosa e á tradicional ofrenda ao Apóstolo Santiago.

Á saída da Catedral, a Familia Real asistiu desde a cuberta da escalinata ao salto dos paracaidistas da PAPEA portando a bandeira española e galega. No seu percorrido ata o Pazo de Raxoi, os membros da Casa Real paráronse a saudar os participantes na Ruta Quetzal chegados en peregrinación a Santiago e ao escultor galego Manolo Paz, autor da peza "Bolboreta", actualmente exposta na praza do Obradoiro.

Compartir: