FESTAS

A luz e a cor dos Fogos do Apóstolo tinguiron o ceo compostelán nun espectáculo único

24/07/2022 O espectáculo pirotécnico dos Fogos do Apóstolo, que nesta edición lanzáronse desde cinco localizacións, deixou unha singular e fermosa postal nocturna no ceo compostelán. A variedade de efectos e cores dos fogos artificiais e os diferentes escenarios de fondo lograron que veciños, visitantes e peregrinos puideron desfrutar dun espectáculo singular desde múltiples puntos da cidade.

A carballeira de Santa Susana (Alameda), a Cidade da Cultura, o parque de Carlomagno (Fontiñas), o parque Eugenio Granell (Conxo) e As Cancelas foron os puntos dende os que se lanzaron os fogos permitindo a un gran número composteláns e compostelás presenciar o espectáculo desde diferentes localizacións da cidade.

Os fogos destacaron polo seu ritmo, potencia, luminosidade e variedade de efectos e cores. Desde cada un destes puntos utilizáronse máis de 500 quilos de NEC (Neto Explosivo Contido), o que vén resultar unha cifra total de 2.500 quilos, cun calibre máximo de 125 milimetros e unha elevación de entre 160 e 180 metros.

O público, tanto composteláns e compostelás, como visitantes e peregrinos, puideron visionar durante 15 minutos sen pausa os cinco espectáculos pirotécnicos que foron lanzados de forma sicronizada e nos que se recrearon diferentes motivos, formas e cores.

Programación do Día do Apóstol

A programación do día grande das festas do Apóstolo arrincará ás 10:00 h coas alboradas a cargo de AC Pena Maior de Marrozos e AC Grupo Novo Río Sarela e a comparsa dos xigantes e cabezudos que saíra do Teatro Principal ás 12:30 h. Tamén pola mañá, no plano institucional, celebraranse os actos da Ofrenda ao Apóstolo, que este ano contan coa presencia dos Reis de España e as súas fillas as infantas Sofía e Leonor.

A xornada completarase con dúas propostas musicais: o concerto de Maren ás 21:00 h no parque de Galeras e o de Jenny and the Mexicats ás 22:00 h na praza da Quintana.

Compartir: