ALCALDÍA

O alcalde destaca, durante a visita ás obras do CSIEB, a implicación do Concello de Santiago no proxecto do biopolo e a aposta pola biotecnoloxía

22/07/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, visitou hoxe as obras do Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas (CSIEB) que ese está construindo nunha parcela cedida polo Concello de Santiago, a través de Sionlla Biotech. O biopolo ten como finalidade impulsar a investigación no eido da biotecnoloxía que se desenvolve en Santiago, afianzándoa e asentándoa na cidade, para que xere tecido industrial na contorna.

Un proxecto que se dotou e se está dotando de espazo e medios suficientes para que sexa un referente a nivel nacional e internacional, é que á vez, sexa capaz de reter o investimento empresarial e o talento que xeran as universidades galegas. Sánchez Bugallo sinalou que esta visita evidencia a visualización "dese traballo que se leva desenvolvido nos tres últimos anos". O alcalde lembrou a implicación do Concello de Santiago no proxecto, coa cesión da parcela "a través dunha declaración de interese xeral aprobada polo Pleno da Corporación; así como a axuda económica prestada e a colaboración coa Asociación Área Empresarial do Tambre, "subvencionando e financiando os diferentes proxectos e estudos necesarios pola en marcha e tamén adquirindo a sociedade UNINOVA, que é accionista e forma parte do Consello de Administración do Biopolo".

O rexedor engadiu que nos orzamentos de 2022 hai incorporadas dúas partidas unha delas para equipamento do centro, que cualificou como "un orgullo para todos os composteláns". O alcalde rematou agradecendo "o labor, o esforzo, a constancia e enerxía do empresariado do Tambre e da súa asociación; e a vontade do Concello de Santiago é seguir colaborando e apostando" por este proxecto. "A bioteconoloxía é unha parte importante do futuro de Santiago", concluiu.

Na visita tamén estaban presentes a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; José Fernández Alborés, presidente da Asociación Área Emprearial do Tambre; Xavier Freire, da directiva da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Carme Casado, conselleira delegada de UNINOVA; e Jesús Longarela e David Mariño, director de Produción e xefe de obra de "Constructora San José", a empresa que leva a cabo a obra.

Sionlla Biotech SL, no ue están presentes a Asociación Área Empresarial do Tambre, UNINOVA (cuxo accionista maioritario é o Concello de Santiago) e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; é a sociedade impulsora do Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas cofinanciado con fondos procedentes da Xunta de Galicia a través do IGAPE; e da Unión Europea, a través do "Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020".

Compartir: