CIDADES PATRIMONIO

Santiago acollerá o vindeiro domingo 24 de xullo unha Asemblea extraordinaria do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España con motivo do Ano Santo 2022

22/07/2022 A Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España (GCPHE), máximo órgano de goberno da entidade, terá lugar en Santiago o vindeiro domingo 24 de xullo. Á reunión, que se celebrará ás 18:00 horas no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, asistirán os alcaldes e alcaldesas das 15 cidades membros desta entidade sen ánimo de lucro e declarada de Utilidade Pública, que reúne ás cidades españolas cuxos centros históricos foron inscritos na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Previamente, na mañá do domingo, e no marco dos actos organizados polo Concello de Santiago con motivo da Asemblea, os edís das Cidades Patrimonio percorrerán os últimos quilómetros do Camiño ata a meta final da Catedral de Santiago.

Xa o luns 25, a delegación do GCPHE asistirá á misa solemne na Catedral, durante a que a Súa Maxestade o Rei Felipe VI presentará a Ofrenda Nacional ao Apóstolo.

Forman parte da Asemblea de alcaldes e alcaldesas: Javier Rodríguez Palacios, alcalde de Alcalá de Henares; Jesús Manuel Sánchez Cabrera, alcalde de Ávila; Dolores Marín Torres, alcaldesa de Baeza; Luis Salaya Julián, alcalde de Cáceres; José Maria Bellido Roche, alcalde de Córdoba; Darío Dolz Fernández, alcalde de Cuenca; Rafael Ruiz González, alcalde de Ibiza/Eivissa; Antonio Rodríguez Osuna, alcalde de Mérida; Carlos García Carbayo, alcalde de Salamanca; Luis Yeray Gutiérrez Pérez, alcalde de San Cristóbal de La Laguna; Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela; Clara Martín García, alcaldesa de Segovia, Pau Ricomá Vallhonrat, alcalde de Tarragona, Milagros Tolón Jaime, alcaldesa de Toledo; y Antonia Olivares Martínez, alcaldesa de Úbeda.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España foi creado en 1993 co obxectivo de actuar de maneira conxunta na conservación, a posta en valor e a promoción turística das 15 cidades españolas recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: