FESTAS

O actor Tamar Novas abre as Festas do Apóstolo cun pregón cargado de amor por Compostela

21/07/2022 O actor Tamar Novas deu o pistoletazo de saída ás festas do Apóstolo desde o balcón do Pazo de Raxoi ante unha praza da Obradoiro na que se congregaron veciños e turistas. O actor compostelán fixo un repaso pola súa infancia e primeira xuventude en Santiago así como polos seus inicios no mundo da interpretación. O público puido desfrutar a continuación do concerto da banda estadounidense The New York Ska-Jazz Ensemble.

O pregoeiro retornou á súa nenez no barrio do Ensache, en concreto na praza de Vigo, na que lembrou "xoguei toda a miña infancia coa rapazada do barrio", e onde tamén "naceu, como di o monumento que a conmemora, ‘unha grandísima defensora dos intereses culturais, sociais e humanos de todos os galegos’: Rosalía de Castro". Tamar Novas tamén mencionou algúns episodios da súa vida na cidade, como o seu bautizo na capela da Corticela, a comunión na igrexa do Pilar na Alameda ou o seu paso como estudante polo Colexio La Salle e a facultade de Ciencias da Comunicación.

Para o actor "nacer en Santiago é un pouco comezar polo final", xa que a "é o final de moitos camiños", pero esta circunstancia tamén o axudou a sentir "paixón pola beleza e a cultura", algo que o levaría posteriormente a desenvolver unha carreira no mundo da interpretación, xa que "moitos nenos e nenas coma min tivemos a sorte de vivir rodeados de portas infinitas para a nosa imaxinación".

Así, Tamar Novas deu os seus primeiros pasos como actor presentándose con 11 anos a un cásting que tivo lugar en Santiago e que supuxo o punto de inicio dunha intensa e exitosa carreira que o levaría a mudarse a Madrid, onde leva afincado desde 2007. "Para un compostelán coma min, emprender un camiño fóra, non foi doado. Ás veces a morriña, ese concepto tan usado, nin alcanza para describir a sensación de estar fóra", explicou.

Para o actor o seu carácter "está íntimamente ligado a ser santiagués. Santiago non é unha estación máis na miña vida. É unha forma de ollar o mundo. De relacionarme cos demais", e recordou como percorrer as rúas da cidade "era un dos meus pasatempos preferidos de cativo", que lle levou a "descubrir lugares e per-seguir persoas que nos resultaban peculiares, imaxinando como eran as súas vidas", algo que contribuiría directamente á súa posterior "vocación por actuar".

Venres 22

Os próximos días chegan cargados de propostas variadas dentro das festas do Apóstolo. Así, a xornada do venres abrirase ás 10:00h coas a alboradas a cargo de Os Valentes de Conxo e Enxebre de San Lázaro. Xa pola tarde arrancará o XLIV Torneo da Chave na Alameda e a partir das 20:00 h a praza de San Martiño Pinario acollerá o espectáculo "Danza no Camiño" con artistas de varios países.

Con respecto á oferta musical, o público poderá escoller á noitiña entre varias opcións: o concerto de Iria Fonlado Ensemble (oboe e cordas) na praza de Mazarelos, o de Rocío Márquez e Bronquio na Quintama así como a actuación da orquestra Estrellamar na Alameda.

Ademáis o parque de Bonaval acollerá o espectáculo de circo "La Coquette" da compañía Kambahiota.

Sábado 23

A programación do sábado arrincará ás 10:00 h coas tradicionais alboradas, nesta ocasión a cargo de AC Pana Raiada e AC Gentalha do Pichel. Á mesma hora, dará comezo a programación do "Dron Festival Gaelic GP Series 2022" que desenvolverá ao longo de toda a xornada no parque de Bonaval.

Un dos pratos fortes da noite será a banda de indie-folk estadounidense Calexico que ofrecerá un concerto na praza da Quintana ás 22:00 horas. Tamén actuarán Rufus T. Firefly no parque de Galeras e a orquestra Los Alkar na Alameda. Como na xornada percedente, o parque de Bonaval acollerá o espectáculo de circo "Nudo", da compañía Rojo Telón.

Domingo 24

As alboradas de AV As Brañas de Andrés e A.C. Devagariño abrirán a xornada do domingo que continuará co tradicional desfile de xigantes e cabezudos que dará comezo ás 12:00 h na praza da Quintana para rematar sobre as 12:30 no Toural.

Para ir quentando motores para os fogos do Apóstolo, o público poderá desfrutar de varias citas musicais en diversos puntos da cidade: Álvaro Toscano (guitarra) na praza de Mazarelos a partir das 20:00 h, e Verónica Ferreiro e Javier Sánchez no parque de Galeras ás 21:00 h. Ademais a praza do Obradoiro acollerá a partir das 22:00 h a actuación da mítica banda galega Herdeiros da Crus. Á mesma hora, as veciñas e veciños do Castiñeiriño poderán gozar da actuación da Banda Magna no campo da festa.

O prato forte da xornada será sen dúbida o tradicional espectáculo pirotécnico do Apóstolo. Igual que nos últimos anos, os fogos serán lanzados desde cinco puntos da cidade: a Alameda, o parque de Eugenio Granell, a Cidade da Cultura, As Cancelas e o Parque de Carlomagno.

O programa completo está dispoñible na web do Concello.

Documentos relacionados



Compartir: