FESTAS

Tamar Novas asina no Libro de Honra do Concello de Santiago

21/07/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños e os voceiros dos distintos grupos municipais recibiron esta mañá o pregoeiro do Apóstolo 2022, o actor Tamar Novas, horas antes de que este se dirixa ás compostelás e composteláns dende os balcóns de Raxoi para dar o pistoletazo de saída a esta edición das festas.

O Pazo de Raxoi foi testigo esta mañá da visita do actor compostelán Tamar Novas que será o encargado de inaugurar as Festas do Apóstolo 2022 esta mesma noite a partir das 22:00 h.

O actor deixou a súa rúbrica no Libro de Honra do Concello, onde manifestou sentir un "inmenso honor" por ter sido escollido pregoeiro das festas do "lugar máis fermoso do mundo", e reiterou o seu orgullo por ser "picheleiro de corazón e de alma".

A continuación, recibiu na praza do Obradoiro unha camisola SD Compostela de mans do adestrador do conxunto santiagués, Fabiano Soares.

Nacido e criado en Santiago, Tamar Novas atesoura unha ampla e intensa carreira no mundo da interpretación na que veu combinando traballos no cinema, televisión e tamén no teatro, que o levaron a convertirse nun dos actores de referencia do panorama nacional.

Compartir: