FESTAS

As festas do Apóstolo recuperan o programa completo do Día do Traxe Galego

20/07/2022 O Concello de Santiago presentou esta mañá o programa da 43 edición do Día do Traxe Galego, unha cita que vai unida dende hai décadas ás festas do Apóstolo, e que tras dous anos de restriccións recupera o vindeiro sábado 30 de xullo o seu formato tradicional con desfiles, exhibicións, certame... Como novidade, este ano a praza de Mazarelos acollerá durante toda a xornada a Feira do vestir "De onte a hoxe" con pasarelas e obradoiros para todas as idades.

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, acompañado pola presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Astray; pola vicepresidenta da entidade, Rosa López; e pola directora rexional de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés en Galicia e Asturias, Fuencisla Cid; presentou esta mañá a 43 edición do Día do Traxe Galego que este ano se celebrará o vindeiro sábado 30 de xullo. Organizada pola Asociación do Traxe Galego, esta xornada conta co apoio do Concello de Santiago e co patrocinio de El Corte Inglés e Fixagal.

O concelleiro Gonzalo Muíños recordou que o Día do Traxe é "unha das citas máis tradicionais e queridas das Festas do Apóstolo" e congratulouse de que "por fin se recupere o seu programa ao completo tras dous anos en formato reducido por mor da pandemia", especialmente coa "volta do desfile que percorrerá as rúas de Santiago para celebrar e reivindicar o traxe galego ao que poderán unirse todas as persoas que queiran a lucir o seu traxe".

Programa da mañá

A xornada arrancará ás 11:30 horas coa concentración dos participantes para o desfile matinal na entrada da Alameda de Santiago que se iniciará ás 12:00 h facendo o seguinte percorrido polas rúas da zona monumental:

Porta Faxeira, rúa do Vilar, praza de Praterías (cunha parada para a actuación dos grupos de gaiteiros e de pandereteiros/as da ATG), rúa da Conga, praza de Feixóo, rúa do Preguntoiro e chegada á praza de Cervantes, onde se fará outra parada. A continuación, a comitiva sairá cara á Igrexa de San Paio de Antealtares para celebrar ás 13:00 h a tradicional misa e ofrenda floral. Ao finalizar a misa, os participantes faranse unha foto conxunta nas escadas da praza da Quintana.

Programa da tarde

Ás 14:00 h terá lugar una recepción municipal de autoridades no Pazo de Raxoi, que estará seguido polo popular "Certame de Traxes Tradicionais" no Museo do Pobo Galego, onde os participantes serán avaliados polo xurado, con posterior sesión fotográfica no Claustro do Museo. Ás 19:00 h, da rúa de Bonaval sairá o desfile coas persoas participantes no certame e todas as de persoas que desexen participar nel ataviadas cos traxes tradicionais e acompañadas polo grupo de gaiteiros.

O percorrido será o seguinte: rúa de Bonaval, Casas Reais, praza de Cervantes, rúa do Preguntoiro, rúa da Conga e entrará na praza da Quintana pola rampla entre San Paio e a Casa da Conga, continuando o desfile no interior da praza da Quintana, onde ás 19:30 h terá lugar a exhibición dos traxes presentados ao certame e o posterior acto de entrega de premios aos gañadores. Tamén se levará a cabo a entrega dos diplomas e medallas ás "Socias de Honra" da ATG.

Feira do vestir "De onte a hoxe"

Ademais, desde este ano, a praza de Mazarelos acollerá a Feira do vestir "De onte a hoxe" que ofrecerá desde as 11:00 ata as 22:00 h actividades para todas as idades.

Así, todas aquelas persoas interesadas poderán participar nos diferentes obradoiros de costura ou gozar das diferentes mostras de traxes tradicionais. Ademais, os máis pequenos poderán aprender a elaborar colares tradicionais tradicional en madeira e a pintar as figuriñas para o traxe.

Tamén haberá un "fotocall" para que todas as persoas que se acheguen poidan sacar fotos co traxe tradicional.

Os detalles do programa do Día do Traxe Galego están dispoñibles na web do Concello.

Compartir: