SEGURIDADE CIDADÁ

A Xunta Local de Seguridade aborda o dispositivo para as festas do Apóstolo

19/07/2022 O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade á que asistiron, entre outras autoridades, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Gonzalo Muíños; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, co obxectivo de consensuar as medidas de reforzo para garantir a seguridade durante as festas do Apóstolo. Na reunión constatouse unha tendencia á alza nos casos de vítimas de violencia de xénero en Santiago mentres que a maioría de delitos denunciados diminuiron nos últimos seis meses.

O alcalde recordou que os días 24 e 25 de xullo producirase "unha concentración moi elevada de actividades culturais, actos festivos, manifestacións políticas, ademais da alta afluencia de peregrinos e visitantes" polo que pediu expresamente á cidadanía compostelá "paciencia e tranquilidade polas posibles perturbacións, especialmente na circulación". Para que todo se desenvolva con "absoluta normalidade", o rexedor anunciou que ao dispositivo habitual da Policía local, "sumaranse 44 efectivos que reforzarán a seguridade nas zonas do lanzamento dos fogos e nas súas contornas".

O concelleiro Gonzalo Muíños salientou que durante os fogos "haberá un retén de bombeiros en cada un dos cinco puntos de lanzamento, reforzado por dous máis no Pedroso e na Cidade da Cultura e a maiores contaremos coa colaboración de Protección Civil de Santiago e dos concellos limítrofes". O edil recordou que para evitar calquera tipo de incidente e garantir a máxima seguridade "lévase facendo un traballo previo preventivo de incendios que se suma ao despregamento do dispostivo in situ dos días 14 e 31".

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno, María Rivas, subliñou que "a comisaría da Policía Nacional de Santiago verase reforzada durante estas xornadas para evitar, na medida do posible, calquera tipo de incidencia". Ademais, recordou que "xa están patrullando pola capital galega os efectivos chegados desde Portugal, Francia e Italia dentro do programa Comisarías Europeas que se presentou o pasado venres na praza do Obradoiro". Estes axentes europeos traballarán conxuntamente coa Policía Nacional ata despois do 25 de xullo, día no que os Reis, a princesa de Asturias e a infanta visitarán Santiago con motivo da celebración do Día de Galicia.

Violencia de xénero

Con respecto á evolución da seguridade no municipio, tratada durante a Xunta, Xosé Sánchez Bugallo salientou que "nos movemos en parámetros moi positivos nos que se aprecia un descenso notable de determinadas tipoloxías delituosas como poden ser os roubos en domicilios" aínda que "se aprecia de forma xeneralizada un despunte importante en delitos relacionados coa agresividade das persoas, tanto na violencia machista como noutros ámbitos como o da circulación de tráfico, disputas veciñais ou ocio nocturno". Pero o máis preocupante é "o aumento notable das vítimas de violencia de xénero desde o 2019, con 164 mulleres acollidas ás medidas de protección en Santiago na actualidade, unha cifra importante pero acorde cos datos da provincia, que rexistra máis de 1.900 casos activos". O alcalde tamén salientou o aumento dos delitos cibernéticos, aos que se está prestando unha atención especial.

Neste sentido, a subdelegada do Goberno recordou que "as forzas e corpos de seguridade do Estado darán o apoio necesario para combater a violencia machista nos festexos", sumándose así aos dous puntos lilas de información e atención sobre violencias machistas que o Concello porá a disposición de toda aquela persoa que o precise entre o 21 e o 31 de xullo: un na Caseta Lila na Alameda en horario de 20:00 a 01:00 horas; e un segundo no parque de Galeras en horario de 20:00 a 23:00.

Compartir: