EMPREGO

Conclúe o curso de cociña tradicional galega organizado polo Concello de Santiago

19/07/2022 Catorce persoas completaron a súa formación no curso de cociña tradicional galega que organizou o Concello de Santiago. Este curso, que foi clausurado onte, desenvolveuse no Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG).

No curso, que tivo unha duración de 50 horas, o experto docente André Arzúa seguiu unha metodoloxía de traballo grupal para favorecer a aprendizaxe teórica e práctica de diversas elaboracións da cociña tradicional galega. Así, a formación incluíu o traballo de fondos e caldos, tapas, estofados e coccións lentas, pan e empanadas, doces, arroces e pastas, peixes e mariscos.

O alumnado desenvolveu as súas competencias profesionais na cociña e coñeceu as esixencias para optar nun futuro a traballar no sector hostaleiro. O docente André Arzúa valorou moi positivamente tanto o curso como a actitude do alumnado. "Os alumnos estiveron en todo momento activos. Quixeron aprender, coñecer o porqué das cousas, e puideron comprobar como, coa boa materia prima que temos, se poden facer pratos moi interesantes. Optar pola cociña tradicional foi todo un acerto", indicou.

André Arzúa tamén fixo referencia ao traballo realizado, "elaboramos un total de catro receitas por día, polo que foi un curso de moita intensidade", e á calidade das instalacións, "son óptimas e non encontramos ningún atranco, todo o contrario, facilidades e colaboración".

Clausura
O acto de clausura celebrouse onte na sede do Centro Superior de Hostalería de Galicia e a el asistiron os responsables do centro, o técnico de Emprego do Concello de Santiago, Xavier Ferreiro; Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia; e Lois Lopes, presidente da asociación Hostaleria.gal

Compartir: