EMPREGO

Os alumnos e alumnas do programa de emprego Santiago Sustentable III reciben os seus diplomas na carballeira de Conxo

18/07/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a directora xeral de Formación e Colocación da Xunta, Zeltia Lado Lago, entregaron esta mañá os diplomas do programa de emprego Santiago Sustentable III aos 16 alumnos e alumnas participantes. Durante o acto tamén se presentou a app desenvolvida polo propio alumnado, coa que se pretende dar a coñecer as especies arbóreas do municipio ao mesmo tempo que se implica a cidadanía na identificación de novos exemplares.

O Carballo de Conxo foi testemuña esta mañá do acto de clausura do programa de emprego Santiago Sustentable III no que participaron 16 mozos e mozas desempregados menores de 30 anos, recibindo formación en dous certificados de profesionalidade: desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos, da familia profesional de Imaxe e Son, e desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, da familia profesional de Informática e Comunicacións.

Ademais da formación, os participantes realizaron diferentes traballos audiovisuais e de programación web para o Concello de Santiago, como vídeos de promoción do patrimonio natural e diferentes aplicacións web. O produto máis salientable desenvolvido no marco deste programa foi a app "Árbores Senlleiras de Santiago" que pode descargarse de forma gratuíta. Trátase dunha aplicación participativa, coa que se pretende que a cidadanía de Santiago colabore na elaboración dun catálogo de Árbores Senlleiras de Santiago, propoñendo exemplares singulares que se poidan atopar no ámbito rural, en fincas particulares e noutros lugares da cidade, co fin de poñer en valor o patrimonio natural do Concello e concienciar da importancia de conservación do mesmo.

Durante a elaboración de SENLLAPP, o obradoiro funcionou como un verdadeiro equipo multidisciplinar: desde a selección das especies, ata a toma de fotografías, a elaboración dos textos, o desenvolvemento da liña gráfica e a programación web.

Co obxectivo de chegar a un público o máis amplo posible, a app está dispoñible en Google play e proximamente na App Store. Así mesmo conta coa páxina web SENLLAPP con máis información sobre o seu uso e contidos.

SENLLAPP

Co acrónimo de SENLLAPP, a app serve de guía para, de forma moi sinxela e sen necesidade de coñecementos previos, identificar e coñecer ao detalle as árbores mais singulares da cidade de Santiago. É unha ferramenta idónea para identificar árbores no medio natural, e mediante o seu uso podese aprender cales son os principais elementos de identificación.

SENLLAPP inclúe información de 145 especies de árbores que poboan parques, bosques e hábitats naturais da Cidade, organizadas en 145 fichas. Cada unha delas agrupa fotografías , mapas e infografias que mostran en que lugar está presente a árbore cun texto descritivo. Á hora de atopar a árbore senlleira buscada, a app mostra curiosidades de 40 árbores senlleiras.

Xosé Sánchez Bugallo incidiu en que esta app é "unha boa ferramenta para que o cidadán de a pé poida adquirir coñecementos de botánica de forma entretida". "O interesante é que unha experiencia lúdica como é pasear por un bosque poida transformarse en aprendizaxe, aínda que cremos que tamén pode ser un recurso didáctico nas aulas», engadiu. Ademais, o rexedor destacou que «a integración das TIC e a procura de novos formatos é unha aposta do Concello á hora de divulgar o noso patrimonio natural».

O orzamento global do programa ascendeu a 402.062,36 euros, dos cales a Conselleria de Promoción do Emprego e Igualdade achegou 369.492,32 euros e o Concello, os 32.570,04 € restantes.

Compartir: