EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música programa dous obradoiros de verán

15/07/2022 A Escola Municipal de Música e o Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela iniciaron por primeira vez unha programación específica para o verán con actividades dirixidas a todas as idades, que contou cun elevado número de inscricións.

A EMM elaborou dous obradoiros cun total de 120 prazas: un laboratorio sonoro de verán e un obradoiro de produción musical.

O pasado 4 de xullo arrancou a 1ª quenda do laboratorio sonoro de verán, unha actividade lúdico-educativa orientada a complementar a formación ofrecida dende a Escola Municipal de Musica de Santiago de Compostela e dirixida a nenos/as de 3 a 12 anos. O vindeiro venres 15 de xullo finalizarán a súa experiencia cunha representación musical á que poderán asistir as familias dos e das participantes.

A través de diferentes actividades, e baixo un ambiente lúdico, a cativada traballa os distintos aspectos artísticos da creación musical e posta en escena dunha representación. O obxectivo final da actividade é a creación dunha representación musical, que se estreará o último día de cada quenda, ao que as persoas participantes porán música a través de instrumentos musicais. Desenvolverase a expresión artística mediante a creación do atrezzo e caracterización para a actuación final adaptado á temática da mesma. O obradoiro contou con 90 prazas, 45 para cada quenda. A segunda dará comezo o luns 18 de xullo.

Obradoiro de produción musical
Este obradoiro, que pretende dar a coñecer as ferramentas e recursos necesarios para iniciarse na produción musical actual, iniciouse o pasado luns 11 de xullo da man de Adrián Saavedra, compositor e produtor musical, Premio Martín Códax da Música 2019, que traballou con artistas como Nastasia Zürcher, Pablo Lesuit, A Banda da Loba, Marcelo Dobode, ou Abraham Cupeiro.

Durante as clases, o alumnado aprenderá sobre secuenciadores, tarxetas de son, microfonía, librerías e instrumentos virtuais, samplers…todo elo a través da aplicación práctica destes conceptos sobre unha creación musical. No curso faranse dous proxectos musicais, un creado unicamente con instrumentos virtuais e outro onde se sentarán as bases para a gravación de instrumentos reais, como baixo, guitarra eléctrica, piano, voz…Conta con 30 prazas, 15 para cada grupo.

Compartir: