ACCIÓN CULTURAL

‘El jarrón infinito’ de Mar Ramón Soriano, nova intervención na Zona C

14/07/2022 Seleccionada na modalidade de proxectos de creación artística para o espazo poderá visitarse, de balde, até o 24 de setembro. Este novo proxecto ocupará o primeiro e segundo andar da Zona C, situada na Praza de Cervantes.

Este xoves 14 de xullo ás 20.00 h, a artista Mar Ramón Soriano, acompañada da concelleira de Acción Cultural Mercedes Rosón Ferreiro, presenta na Zona C (Praza de Cervantes) a intervención 'El jarrón infinito' (O vaso infinito) pola que ten sido seleccionada na modalidade de proxectos de creación artística para formar parte da programación que este espazo dedica á arte emerxente.

Como colofón ao acto inaugural terá lugar un pequeno concerto de Da Rocha, no que o músico indaga sobre a repetición, a sonoridade dos obxectos e os xestos que son lugar común co traballo de Mar Ramón.

Para Mar Ramón Soriano (Valencia, 1993), o corpo é un obxecto máis que representado a través da cerámica fornece un compoñente de dramatismo e temor á rotura. El jarrón infinito desenvolve os intereses da artista abordados desde unha serie de módulos cerámicos e o traballo en pezas téxtis.

Afonda esta intervención no proxecto en que a creadora está mergullada: traballa desde a referencia dunha imaxe tirada por Ruth Mathilda Andersón en 1920 ás "apañadeiras" de Niñodaguia, parroquia oleira onde se atopa o seu taller.

As "apañadeiras" eran mulleres que cargaban as olas desde os obradoiros cerámicos até o forno no que se cocían. Unhas xigantescas e pesadas cestas pousaban sobre as súas cabezas establecendo unha forma que Mar determina como un volume vasiforme. A figura que resulta do pousado sobre a cabeza amosa paralelismo cos procesos de amoreamento cos que a creadora está a traballar e que teñen tamén como referencia a Columna sen fin de Brancusi.

Mar Ramón Soriano conquista o espazo a través das dimensións do cerámico. Volumes, cores, densidades e disposicións establécense e distribúense no primeiro e no segundo andar da Zona C a partir de tres series de obras que exploran cuestións físicas de peso e gravidade.

Mar Ramón Soriano é doutorada pola Universidade de Vigo grazas á investigación do xénero como proceso na arte obxectual, leva a cabo a súa práctica artística nun obradoiro en Niñodaguia, Ourense, parroquia de tradición oleira que a enmarca nun contexto característico á hora de afrontar os seus procesos e a súa produción.
Realizou exposicións individuais na sala Alterarte (Ourense), inaugurada en 2022 baixo o título "Sistemas empáticos", na Galería Nordés con "La Forma óptima", que posteriormente se expuxo na sección de proxectos de artista dentro da feira Arco 2021, ou "Una curva unha ola un cos" en Art Mustang (Elx) grazas á residencia artística Puenting na UMH (Altea). Anteriormente tiña exposto de forma individual noutros espazos como a Fundación Granell (Santiago de Compostela) ou o Centro Marcos Valcárcel (Ourense). Participou noutras feiras como Marte (Castellón), na sección comisariada por Teresa Calvo en 2021 ou en Cuarto Público en 2016.
Entre as mostras colectivas máis recentes atópase o Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas, tanto en 2021 como nos anos 2019, 2017 e 2015; Afinidades Selectivas (Mar Ramón+Julia Huete). Carótidas y Coronarias, Casa Galega de Cultura (Vigo), comisariada por Juan Carlos Román; Cultivar incertezas: Reformular el espacio/Conmocionar la mirada, CGAC (Santiago de Compostela), comisariada por Ángel Cerviño; O Pronunciamento na Galería Vilaseco, comisariada por Ángel Calvo Ulloa; ou Solo Show en Casabanchel (Madrid) durante o 2019 e comisariada por Casa Antillón.

Ademais participou en diversos certames e recibiu premios como a selección na convocatoria de intervencións artísticas para a Zona C, 2021, o Novos Valores 2020, o Premio Injuve para Creación Joven en 2017-18 e varias edicións do Premio Xuventude Crea.
O día da inauguración a sala abre ás 20.00 h. O horario de sala é de martes a sábado de de 11 a 14 e de 16 a 19 h. No mes de agosto a sala abre de 11 a 14 h. A entrada é de balde.

Compartir: