ALCALDÍA

O Concello de Santiago lembra a Miguel Ángel Blanco e as vítimas do terrorismo cunha concentración silenciosa na praza do Obradoiro

13/07/2022 A praza do Obradoiro acolleu esta mañá unha concentración de 5 minutos de silencio en recordo do político Miguel Ángel Blanco, asasinado hai 25 anos por ETA, e de outras vítimas do terrorismo. O acto foi convocado por FEMP e pechouse cun aplauso.

Membros da Corporación e membros da Policía local participaron neste acto, no que se gardaron cinco minutos de silencio en homenaxe ao edil de Ermua que foi secuestrado e posteriormente asasinado polos membros da banda terrorista ETA, un feito que marcou un punto de inflexión na mobilización social contra a organización.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que tamén participou no acto, recordou este suceso como "un feito trascendental na democracia española e na loita contra ETA, xa que foi a gota que desbordou o vaso e que provocou unha mobilización xeral en toda España, pero especialmente no País Vasco". Este tráxico asasinato "foi o principio do fin de ETA, polo que temos que estar agradecidos a Miguel Ángel Blanco polo seu sacrificio e non esquecelo nunca", engadiu o rexedor compostelán.

Compartir: