ACCIÓN CULTURAL E TURISMO

Varios espazos emblemáticos de Santiago acollerán unha exposición ao aire libre do escultor Manolo Paz

13/07/2022 Baixo o título "A distancia que une", a mostra componse de cinco grandes esculturas que se situarán na entrada do Museo do Pobo Galego, no Parque de Bonaval, na Alameda e na Cidade da Cultura, ademais de na praza do Obradoiro. O proxecto conta co apoio do Concello de Santiago onde foi presentado esta mañá pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, acompañados polo propio escultor e o comisario da mostra, David Barro.

A mostra "A distancia que une" do artista cambadés Manolo Paz será inaugurada este venres ás 19.00 h en Santiago onde permanecerá ata o 15 de setembro. Trátase dunha dobre exposición que tamén viaxará a Madrid, onde varias pezas escultóricas do artista serán instaladas en importantes enclaves do Paseo do Prado e do Paseo de Recoletos. O proxecto tamén conta co apoio da Xunta de Galicia e do Ayuntamiento de Madrid.

Durante a rolda de prensa de presentación, o concelleiro Sindo Guinarte destacou que "para o Concello é unha satisfacción acoller unha exposición deste tipo, tan novidosa" que ademais "permitirá engrandecer a imaxe cultural de Compostela a nivel nacional e internacional e enriquecer, durante os meses que estea na cidade, o noso patrimonio cultural".

O comisario das dúas exposicións, David Barro, referiuse á figura de Manolo Paz, como "un escultor de formas atopadas que sempre lle dá unha oportunidade ao material e á vida", capaz de "destilar a paisaxe en escultura, de proxectar Galicia, os seus materiais e as súas tradicións, e de exportar a súa paisaxe". Ademais salientou que esta dobre exposición "supón unha oportunidade histórica para reafirmar o compromiso de Manolo Paz con Galicia e a súa cultura, así como de Galicia para cos seus referentes históricos, ao ser este un artista de máis de corenta anos de traxectoria".

A distancia que une

O proxecto "A distancia que une" reivindica a importancia da obra de Manolo Paz e como Galicia e a súa paisaxe, as súas formas e materiais, está sempre impregnada no seu traballo.

A mostra componse de cinco grandes esculturas que se localizarán en lugares estratéxicos e de gran significado para a cidade de Santiago. A primeira, a escultura "Bolboreta", realizada con bloques de granito e cunhas medidas de 350x750x450 cm, poderá apreciarse na praza do Obradoiro. "Menhir", realizada en pedra e cunhas dimensións de 290x120x100 cm, será instalada no parque da Alameda. A escultura "Diálogo", tamén en pedra e cunhas medidas de 250x130x75 cm estará situada na entrada do Museo do Pobo Galego e do CGAC. A pouca distancia, o parque de Bonaval acollerá a peza "Transparencias", en ferro pintado e de 280x800x280 cm. Por último, na Cidade da Cultura poderá visitarse o conxunto escultórico en pedra "Espellos do Camiño".

Manolo Paz

Manolo Paz, nacido en Cambados en 1957, é un dos escultores máis recoñecidos na península Ibérica das últimas décadas. Desde mediados dos oitenta expón os seus traballos co mítico galerista Fernando Vijande, participando en feiras e exposición en todo o mundo.

A mediados dos noventa realiza o conxunto escultórico máis significativo de Galicia: "Familia de Menhires", a carón da Torre de Hércules, que chegaron a ser portada de revistas como National Geographic. Premio da Cultura Galega en 2016, moitas das súas obras poden verse na súa propia Fundación Manolo Paz en Cambados ou en coleccións como a de AENA, o Centro Galego de Arte Contemporáneo ou a Fundación Pilar i Joan Miró de Palma de Mallorca.

Compartir: