BARRIOS E OBRAS

O luns arranca a segunda fase do lote 1 do plan de asfaltado, que afectará a 13 rúas da zona urbana

08/07/2022 O luns, 11 de xullo, comezarán as actuacións da segunda fase do "Lote 1 de pavimentos asfálticos" en zona urbana, que forman parte do mantemento de viarios municipais que está levando a cabo a concellaría de Barrios e Obras, en colaboración cos departamentos de Urbanismo e de Tráfico. Segundo explicou o concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández, actuarase sobre 13 viais que suman 3.009 metros cadrados; cun investimento de 111.220,48 euros; o que da un custe de 36,96 euros por metro cadrado.

O concelleiro explicou que, "como fixemos na primeira fase, realizarase con asfalto en quente, porque iso permítenos unha mellor execución ca en frío, e polo tanto serán duradeiras no tempo". As rúas sobre as que se actuará son Avenida Romero Donallo, Ramón Cabanillas, Santiago de Guayaquil, cruce da rúa Doutor Teixeiro con Ponte Castro, rúa Lisboa, Monte dos Postes, rúa Manuel María, Irmandiños, Camiño Chan de Curros, Queixume dos Pinos, rúa de Xosé Chao Rego, rotonda con Rúa Follas Novas, e rúa Vento Mareiro. O tempo previso de duración dos traballos é dunha semana.

Javier Fernández sinalou que, igual que na primeira fase, "estas trece rúas poden aumentar, se detectamos algunha zona na contorna sobre a que debamos actuar. Lembrou que na primeira fase, presentada á prensa o 5 de maio, estaba previsto actuar sobre 12 rúas, que se ampliaron a 18 "ao tratarse rúas que o requirían e se atopaban dentro do ámbito de actuación. Consideramos que estes pequenos traballos de rebacheo, son moi importantes para o mantemento da cidade".

O concelleiro agradeceu a coordinación e implicación dos departamentos de Urbanismo e Tráfico, "para que todo conflúa o mellor posible e que a veciñanza, a que pido desculpas de antemán polas molestias que lle poidamos causar".

Engadiu que na noite do venres, está previsto actuar na Avenida de Romero Donallo, Ramón Cabanillas, Santiago de Guayaquil, Doutor Teixeiro e na rúa de Ponte Castro. "Faise deste xeito para mitigar, na medida do posible, as molestias que ocasionarían no tráfico o longo do día", subliñou.

O "Mantemento de viarios municipais. Lote 1. Pavimentos asfálticos" conta cun investimento de 399.999,99 euros. Desta cantidade, executáronse, nunha primeira actuación, 174.556,61 euros. Agora, ao mantemento destas 13 rúas, destínanse 111.220,48 euros; quedando pendentes de executar outras 114.222,9 euros.

Memoria 2021
Antes de finalizar a comparecencia, Javier Fernández, entregou aos xornalistas presentes na rolda de prensa un exemplar, en papel, da "Actividade da concellaría de Obras de Santiago de Compostela. Memoria 2021", presentada o pasado 19 de maio; que tamén se distribuirá entre as asociacións veciñais de Santiago.

"Por vez primeira, este departamento, recolle, nun libro-memoria, toda a súa actividade despregada na cidade durante un ano", indicou. A publicación, de 124 páxinas, ilustrada con 240 fotografías e editada en cor; recolle as 47 actuacións do departamento de Obras levadas a cabo, en Compostela durante o ano 2021. O concelleiro lembrou que este número duplica o de 2020, cando se executaron 23 obras.

Este libro-memoria está dividido en oito capítulos que engloban outros tantos tipos de obras realizados: urbanización, edificación, patrimonio, sistema viario, espazos deportivos, muros, instalacións e outras.

Cada unha das 47 obras inclúe unha descrición pormenorizada dos traballos realizados, fotografías do seu estado previo e da situación actual despois da actuación, ademais dunha detallada ficha técnica con todos os datos sobre a súa execución (ubicación, persoas e empresas responsables, orzamento, prazo, etc).

Segundo Javier Fernández, "este libro-memoria pensamos que reflicte de maneira rigorosa e moi gráfica o enorme traballo que un departamento como o de Obras levou a cabo en Santiago durante un ano aínda moi difícil, de pandemia, que dificultou a vida de todos e todas nós".

Direccións relacionadas



Compartir: