PROMOCIÓN ECONÓMICA

Roteiro Cooperativo, unha maneira diferente de achegarse á economía social

07/07/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado de Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop, presentou esta mañá o proxecto Roteiro Cooperativo, unha iniciativa que pretende dar a coñecer o traballo das cooperativas da cidade a través de 4 quendas organizadas nos meses de xullo, setembro e novembro

Divulgar a economía social e os seus valores, este é o obxectivo do Roteiro Cooperativo, unha iniciativa organizada de xeito conxunto polo Concello de Santiago e a Unión de Cooperativas EspazoCoop que foi presentada hoxe nun acto que contou coa participación de Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela, e Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop.

O Roteiro Cooperativo trátase dunha ruta guiada na que as persoas participantes poderán coñecer de preto catro cooperativas da cidade de sectores moi diferentes, precisamente nun ano que coincide coa designación de Santiago de Compostela como capital española da economía social. O movemento cooperativo ten unha gran importancia en Galicia e medra cada ano, tanto en número de cooperativas como en persoas traballadoras. De feito, na actualidade, en Santiago de Compostela hai preto de 70 cooperativas de distintos sectores como as industrias culturais, as xestorías e asesorías de empresas, artes gráficas, ensino, consultoras ambientais, artesanía, telecomunicaciós ou servizos sociais.

Segundo Xosé Sánchez Bugallo, trátase dunha iniciativa que "non só achega o fantástico traballo realizado polas cooperativas compostelás, senón que tamén ofrece novas ideas a todas aquelas persoas interesadas en apostar polo emprendemento como unha forma de superar a crise". O rexedor recordou que "as preto de 70 cooperativas que hai na nosa cidade dan traballo a varios centros de persoas que grazas a esta fórmula poden permanecer en Santiago e ter un futuro aquí".

Pola súa banda, Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop, subliñou "a importancia de achegarnos á economía social e ao traballo que se fai nas cooperativas dun xeito diferente, máis lúdico e cunha visita que percorrerá Compostela. Aínda que o cooperativismo en breve cumprirá dous séculos, queda moito camiño por percorrer para dar a coñecer os seus valores, principios e capacidades, polo que agradecemos ao Concello de Santiago a súa implicación nesta actividade de promoción".

4 quendas nos meses de xullo, setembro e novembro

O Roteiro Cooperativo ten unha duración aproximada de tres horas e dous quilómetros de distancia. Correrá a cargo dunha guía que compartirá información sobre a economía social en xeral e as entidades concretas a visitar. É unha actividade de balde con prazas limitadas e pódese apuntar a través da web de EspazoCoop.

As datas e horas deste Roteiro Cooperativo son:

Sábado 23 de xullo de 10 a 13 horas
Venres 29 de xullo de 17 a 20 horas (con servizo de interpretación en lingua de signos)
Mércores 7 de setembro de 16 a 19 horas
Luns 7 de novembro de 16 a 19 horas

Neste evento poderanse visitar as seguintes cooperativas:

AlmaZen de Ioga, un espazo para o coidado integral do corpo. Centro de Ioga e Meditación con actividades para públicos diversos. Prestan tamén servizos para a mellora da saúde a empresas, clases particulares e aluguer do espazo.
Rúa da República de El Salvador, 25
almazendeyoga.com

NUMAX, unha iniciativa para o audiovisual e a creación cultural. Conta con sala de cinema, libraría, programación para escolas e un laboratorio, dende onde desenvolven proxectos de deseño, comunicación e produción e posprodución de vídeo.
Concepción Arenal, 9 - Baixo
numax.org

Creativas Galegas, un colectivo de profesionais de pequenas marcas do eido cultural galego. Na súa tenda, o Mercado Galego da Creatividade, podes atopar produtos diversos de máis de corenta marcas de calidade e consumo responsable.
Rúa da Caldeirería, 36
creativasgalegas.gal

Conservatorio Histórico de Santiago, un centro pioneiro na educación musical. Xestionado como cooperativa dende hai case vinte anos, ofrecen ensino oficial de grao elemental e profesional para instrumentos diversos.
Praza de Salvador Parga, 4-5
conservatoriodesantiago.com

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxetivo agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

Compartir: