DEPORTES

Recepción ao Club Waterpolo Santiago

05/07/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu hoxe a unha representación de nenos e nenas do Club Waterpolo Santiago tras os títulos acadados de campións da Copa Galega 2020-21 en masculino e feminino; campións de Copa absoluta 2022; e campións de Copa e Liga benxamíns e alevíns 2022.

Sánchez Bugallo felicitounos polos títulos acadados, e animounos a seguir practicando deporte: "iso vaivos formar como persoas, axudaravos a manter o nivel físico; aconstubraravos a traballar en equipo con outros compañeiros e compañeiras e a competir, porque a vida é moi competitiva, pero, sempre, respectando reglas. Paréceme marabilloso o que facedes e o que fan os vosos pais e os vosos adestradores", para os que pediu un aplauso.

Na recepción tamén estaban presentes José Manuel Pichel, concelleiro delegado de Deportes (en sustitución de Esther Pedrosa); o responsable de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; e a concelleira de Urbanismo e Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón; ademais dos edís do Grupo Popular, Ramón Quiroga; de Compostela Aberta, Branca Novoneyra; e a voceira do BNG, Goretti Sanmartín.

Compartir: