IGUALDADE

O Concello organiza un faladoiro con Yayo Herrero para abordar o ecofeminismo e o cambio climático

01/07/2022 A charla terá lugar o vindeiro luns 4 de xullo ás 19:30 h no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC. A antropóloga, enxeñeira, profesora e activista ecofeminista Yayo Herrero está considerada como unha das investigadoras máis influentes no ámbito ecofeminista a nivel europeo.

Baixo o título "Ecofeminismo e cambio climático. Seguridade e equidade nos tempos do Antropoceno", a activista ecofeminista Yayo Herrero, considerada unha das investigadoras máis influentes no ámbito ecofeminista a nivel europeo, falará do momento de crise de civilización que vivimos, así como do cambio climático e o declive de enerxía e materiais poñen en situación risco ao conxunto dos seres vivos. Esta actividade, promovida pola Concellería de Acción Cultural e Igualdade en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, será de entrada libre ata completar o aforo.

Con esta proposta, ademais de dar continuidade ao fomento de iniciativas pola igualdade de xénero e visibilizar os avances acadados polas mulleres e o movemento feminista, búscase poñer en valor o lema escollido este ano pola Organización das Nacións Unidas (ONU): "Igualdade de xénero hoxe, para un mañá sostible". Este promove o recoñecemento da contribución das mulleres e das nenas de todo o mundo que están liderando os esforzos de resposta, mitigación e adaptación ao cambio climático para construír un futuro máis sostible para todas as persoas.

Compartir: