EDUCACIÓN

Música e pintura únense nunha nova proposta da Escola Municipal de Música

19/04/2007 "Escoita o que pintas: as aventuras de Pedro e o Lobo" é o título da nova proposta didáctica e musical que presentan a Escola Municipal de Música e a concellaría de Educación e Mocidade. Grazas á mesma, alumnos de infantil e de primaria poderán interactuar coas artes da música e da pintura.

Os concertos didácticos celebraranse os días 8 e 9 de maio, ás 10:30 e 12:00 horas, no Teatro Principal. Nos mesmos proxectarase unha selección dos traballos elaborados polos alumnos para esta ocasión, nos que se achegarán representacións de escenas do conto musical "Pedro e o Lobo". Á súa vez, estas pinturas integrarán unha exposición a realizar do 7 ao 11 de maio na Escola Municipal de Música (Rúa Betanzos, 55).

Os mellores traballos formarán parte do concerto en familia previsto para o sábado 12 de maio, ás 18:30 horas, tamén no Teatro Principal. Ademais de gozar da obra, será unha oportunidade para que os pais coñezan de primeira man o froito do labor que se realiza na Escola.

Nos vindeiros meses, o centro ten previstos diversos concertos. O primeiro deles será o sábado 21 de abril na Aula de Cultura de Caixa Galicia. O seu fin é solidario e o diñeiro recadado destinarase á construción dunha escola na India. O prezo da entrada é de dous euros.

Reserva de prazas

Trala presentación destes concertos, a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, anunciou os prazos para a reserva de praza no novo curso 2007-2008, así coma a oferta da Escola Municipal de Música.

No centro impártese ensinanza de acordeón, baixo eléctrico, clarinete, contrabaixo, frauta traveseira, gaita, guitarra, guitarra eléctrica, oboe, percusión, piano, saxofón, trompa, trompeta, viola, violín e violonchelo. A práctica instrumental desenvólvese a dous niveis. Por un lado, os nenos e nenas de 8 a 15 anos acceden ao Plan de Estudios Xeral (PEX), mentres que os maiores de 16 anos réxense polo Plan de Estudios para Adultos (PEPA). A oferta complétase coas ensinanzas de movemento, dirixidas a nenos de 4 a 7 anos.

O alumnado actual do centro poderá reservar a súa praza do 23 de abril ao 11 de maio. Nese caso, a matricula formalizaraa do 21 de maio ao 1 de xuño. No caso do novo alumnado, as solicitudes presentaranse do 21 de maio ao 8 de xuño, e a matricula realizarase entre o 18 e o 28 de xuño. As listas públicas de admisión estarán expostas a partir do 15 de xuño.

O horario de atención ao público na Escola Municipal de Música é de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 21:00 horas, de luns a venres.

Compartir: