TURISMO

Santiago e Lugo traballarán "en rede" para impulsar o fluxo de turistas entre ambas cidades

18/04/2007 Os alcaldes de Santiago e de Lugo, Xosé A. Sánchez Bugallo e Xosé López Orozco mantiveron un encontro no que acordaron poñer en valor as rutas das Cidades Patrimonio do Eixo Atlántico e das cidades que formaron parte do Antigo Reino de Galicia.

O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse no Concello de Lugo co alcalde lucense, Xosé López Orozco, e cos concelleiros de turismo das respectivas cidades, Francisco Candela e Concepción Burgo, para falar sobre a experiencia turística de dúas cidades galegas que, en opinión de Bugallo, "son as que máis se parecen entre si", e non só polo feito de compartir unha universidade que é "motivo de satisfacción e orgullo".

O mandatario compostelán explicou que "Santiago traballa para si e para toda Galicia", posto que "non entendemos que nada deba quedar só en nós". Nos últimos anos produciuse "unha auténtica revolución turística", en opinión do alcalde, no que Santiago xogou un papel protagonista na diversificación dos destinos e a entrada masiva de compañías de baixo custo a moitas cidades europeas.

Xa que son moitos os turistas que se desprazan de Santiago a outras cidades galegas durante a súa estancia, os alcaldes de Lugo e Santiago decidiron poñer en valor, a través da promoción de produtos e paquetes turísticos, a principal vía de entrada a Galicia desde o estranxeiro: o aeroporto de Lavacolla. Así mesmo, impulsaranse novas rutas turísticas baixo os lemas de "Ruta das cidades Patrimonio da Humanidade do Eixo Atlántico" (Santiago, Lugo, Porto e Guimaraes) e "Ruta das cidades do Antigo Reino de Galicia".

Tamén a gastronomía lucense pasará a ter un papel importante no foro gastronómico que se celebrará en Santiago o vindeiro ano, e ao que acudirán profesionais de todo o Arco Atlántico. Ambos concellos teñen asinado un convenio de colaboración no eido da colaboración turística desde o 2003 sen data de caducidade.

Compartir: