PROMOCIÓN ECONÓMICA

Spin UP permite crear 29 empresas relacionadas coa saúde, a alimentación, o turismo, a educación e a Industria 4.0

22/06/2022 O polo Sionlla BioTech, que captará empresas biotecnolóxicas, posibilitará seguir adiante cos logros do proxecto europeo Spin Up, liderado por Uninova, e que celebrou onte a súa xornada de peche. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reiterou a necesidade de "traballar entre todos para que os mozos aposten pola posta en marcha iniciativas emprendedoras vinculadas á biotecnoloxía".

No marco da xornada de peche de Spin UP que se celebrou na Área Empresarial do Tambre, o alcalde de Santiago destacou que "o proxecto Sionlla BioTech é a aposta estratéxica para a nosa cidade e tamén para Galicia", e recordou que "a nosa capacidade investigadora ten recoñecemento a nivel internacional, o obxectivo agora é convertela en industria, polo que temos que dar o salto á creación de empresas; ten que ser o elemento para a dinamización da economía". Esta xornada pon o punto final a Spin UP, o proxecto europeo liderado por Uninova e cuxo obxectivo se centrou na creación de empresas a partir da transferencia de tecnoloxía e coñecemento.

Neste sentido, Xosé Sánchez Bugallo, subliñou que "o emprendemento debe ser a folla de ruta que ofrezamos aos nosos mozos, temos que traballar entre todos para que os licenciados e o alumnado de formación profesional aposten por poñer en marcha iniciativas emprendedoras e, na medida do posible, vinculadas á biotecnoloxía".

Na xornada de peche de Spin UP, o secretario xeral da Área Empresarial do Tambre, Ramón Lois, puxo en valor o complexo Sionlla Biotech, que será unha realidade en xaneiro de 2023: "o polo biotécnoloxico de Galicia vai ser o espazo no que as empresas que xa son unha realidade consoliden a súa proxección, atoparán os servizos necesarios para crear unha mancomunidade e, dende ahí, facer empresa para o resto do mundo". Ramón Lois engadiu que "Spin UP é a ferramenta que permitiu darlle sentido ao proxecto Sionlla Biotech, un espazo que se convertirá no catalizador do talento do sistema universitario; a idea é que os emprendedores facturen dende o minuto un e teñan apoio para xestionar os seus proxectos".

Dar resposta aos retos sociais a través da colaboración
A conselleira delegada de Uninova, Carme Casado, destacou que "Spin UP forma parte do noso compromiso de apostar pola diversificación do tecido productivo e de dar resposta aos retos sociais, como por exemplo, o turismo sostible ou a atención ao envellecemento da poboación, entre outros".

Pola súa parte, o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Albores, fixo fincapé en que "este programa permitiu a posta en marcha de diferentes ideas empresariais e tamén iniciamos contacto con organización coas que esperamos manter colaboracións futuras".

A xornada tamén contou coa asistencia da secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago. Rosa Mary Cardeso dixo que "Spin UP ten que servir de exemplo para mellorar a competitividade da nosa economía; temos que ser quen de seguir desenvolvemendo proxectos como este, porque son estratéxicos e contribúen a captar investimentos nacionais e estranxeiros".

O director xeral de XesGalicia, Rubén Aguión, referiouse ao proxecto Sionlla Biotech. Nesta liña, afirmou que "o polo vai ser a punta de lanza para potenciar o sector biotecnolóxico de Galicia, queremos que sexa o eixo vertebrador da economía local e rexional". Apuntou tamén que "dende XesGalicia imos destinar máis de 10 millóns de euros nos próximos anos para seguir apoiando o emprendemento".

Na xornada de peche de Spin UP tamén participaron Nuno Ferreira, coordinador e membro do Consello de xestión de ANJE; e Joana Resende, da Universidade do Porto.

Spin UP e máis dunha vintena de empresas
Un total de 29 empresas apoiadas; ese é o balance que deixa o proxecto Spin UP, 22 delas están xa constituidas e outras 7 están en proceso de facelo. Son ideas empresariais que están relacionadas coa alimentación, coa industria creativa, co sector TIC, co turismo e a saúde.

O proxecto europeo liderado por Uninova permitiu tamén a creación dunha base de datos con patentes e resultados de investigación, que están publicados na web spinup-project.eu.

Por outra parte, Spin UP posibilitou a posta en marca dunha rede de empresas e mentores entre Galicia e o Norte de Portugal. A continuidade deste proxecto europeo vai ser posible coa posta en marcha do complexo de Sionlla Biotech, que captará empresas biotecnolóxicas.

Compartir: