DEPORTES

Aberto ata o 11 de xullo o prazo de solicitude de utilización das instalacións deportivas municipais

20/06/2022 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, anunciou hoxe en rolda de prensa a apertura do prazo de solicitude para realizar adestramentos e outras actividades físicas nas instalacións deportivas municipais, despois de que a Xunta de Goberno Local aprobara as bases que regulan o seu durante a tempada 2022-2023. A presentación de solicitudes para actividades extraescolares vinculadas aos centros de ensino estará aberta ata o 15 de setembro.

Debido á gran demanda destas instalacións, cada vez máis crecente, a Concellería de Deporte decidiu regular de xeito ordenado o procedemento de solicitude a través dun sistema de concorrencia que garanta un reparto o máis equitativo posible. Un sistema de asignación de horas vinculado, preferentemente, a adestramentos, práctica deportiva federada, e actividades físicas e educativas para a tempada e/ou curso escolar 2022/23. Poderán solicitar as instalacións deportivas municipais:

1. Entidades deportivas de Santiago de Compostela inscritas no rexistro municipal de asociacións e definidas polo artigo 40 de Lei del Deporte de Galicia: clubs deportivos, agrupacións deportivas escolares e seccións deportivas todas elas sen ánimo de lucro. Terán prioridade á hora de realizar o reparto aquelas entidades que non dispoñan de instalación propia ou cedida de forma gratuíta.

2. Federacións deportivas.

3. Para o caso concreto das pistas de atletismo do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro, deportistas individuais con licenza federativa en vigor nas modalidades de atletismo e/ou triatlón.

4. Asociacións en xeral de Santiago de Compostela debidamente inscritas no rexistro municipal de asociacións.

5. Excepcionalmente poderánselle asignar horas para actividades nas instalacións deportivas municipais a entidades deportivas ou asociacións que non estean inscritas no rexistro municipal, sempre e cando queden horas sobrantes nesta convocatoria ou soliciten franxas horarias para as que non existe demanda por parte de entidades ou deportistas da cidade.

Presentación de solicitudes
A presentación da solicitude para as actividades deportivas de adestramento realizarase no prazo de 20 días naturais desde o día seguinte á publicación da convocatoria na páxina web municipal do Concello de Santiago e na do Departamento de Deportes, o que supón que o prazo empezaría a contar a partir de mañá, martes, 21 de xuño ata o luns, 11 de xullo ás 23:59.

A presentación de solicitudes para actividades físicas (actividades extraescolares, …) estará aberto ata o 15 de setembro, para facilitar a incorporación das actividades vinculadas cos centros de ensino.

Con respecto ao prazo para a presentación de solicitudes individuais para o uso das pistas de atletismo do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro, estará aberto durante toda a tempada deportiva, pero coa autorización condicionada á dispoñibilidade e capacidade de ocupación.

As solicitudes das entidades presentadas fóra de prazo non se terán en conta para resolver esta convocatoria. Non obstante, poderán ser valoradas a posteriori no caso de que queden horas dispoñibles ao longo do ano.

Deberase presentar unha solicitude por cada entidade e por tipo de instalación onde deberá ordenar as preferencias de días e franxas horarias para adestrar. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, ao longo de toda a tempada 2022/23, calquera entidade que reúna os requisitos desta convocatoria poderá presentar unha nova solicitude que será valorada sempre que exista dispoñibilidade e aínda que este procedemento fose resolto.

Distribución das horas
O procedemento polo que se distribuirán as horas das instalacións deportivas municipais terá en conta un baremo de prioridades:

1º nivel de prioridade: actividades directas ou de colaboración municipal, lectivas obrigatorias, e aquelas que aglutinen a persoas con discapacidade. Darase prioridade aos programas e actividades municipais e/ou de colaboración municipal, ás actividades formativas, en especial, aquelas que están vinculadas cos centros de ensino para o desenvolvemento da materia de Educación Física escolar ou actividades lectivas obrigatorias.

2º nivel de prioridade: as actividades deportivas (adestramentos) de ámbito federativo e as vinculadas co deporte escolar da Xunta de Galicia. Darase especial atención ás actividades deportivas de adestramento das entidades da cidade que participen en competicións oficiais no ámbito federativo ou nas competicións recoñecidas pola Administración Deportiva.

3º nivel de prioridade: as actividades físicas e propostas deportivas recreativas e competitivas non oficiais (segundo dispoñibilidade unha vez atendidos os niveis 1 e 2).

Como norma xeral distribuiranse horas de luns a venres entre as que non estean reservadas pola Concellería de Deportes para os desenvolvemento das súas propias actividades ou programas municipais. As horas para competición serán reservadas semanalmente segundo os calendarios oficiais de competición e dispoñibilidade existente, valorando a demanda que exista.

A cesión de horas farase por instalación deportiva, tendo en consideración o horario de apertura establecido, o tipo de actividade que mellor se acomode a cada unha delas segundo as súas características e, tomando como referencia, a carga horaria reservada para o mesmo fin e entidade durante a tempada 2021/22 considerando os ascensos e descensos.

Compartir: