PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Equal Compostela Social reúne a máis dun cento de técnicos de emprego de España, Italia, Grecia e Polonia

18/04/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, e os alcaldes de Ames, Carlos Fernández; Teo, Armando Blanco; e Val do Dubra, Juan Baleato presentaron o Encontro internacional para o desenvolvemento local desde a transversalidade de xénero, que se celebra do 18 de abril ao 20 de abril nos Concellos de Santiago, Ames, Teo e Val do Dubra. As xornadas enmárcanse dentro do proxecto Equal Compostela Social.

No encontro participan máis dun cento de responsables de emprego, técnicos de emprego, e axentes de emprego e desenvolvemento local de España, Italia, Grecia e Polonia. As xornadas están organizadas pola Agrupación de Desenvolvemento Equal Compostela Social.

A AD Equal Compostela Social xestiona o Proxecto Equal Compostela Social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Conta con socios transnacionais en Italia, Grecia e Polonia que, con Equal Compostela Social, forman a agrupación Innovative Sectores & Social Economy. Esta unión conforma o grupo de traballo Sectores Innovadores e Economía Social. O seu obxectivo consiste en promover estratexias que manteñan o crecemento do emprego de persoas desfavorecidas mediante novos paquetes de formación, apoio a empresas recentemente creadas, investigación de novos instrumentos económicos e procesos compartidos de información ou investigación e de planificación territorial.

O programa experimental Equal Compostela Social permitiu crear, dende novembro do 2005, 33 empresas na área de Compostela (24 delas, case o 73%, constituídas por mulleres). 22 proxectos empresariais naceron en Santiago, 17 deles impulsados por mulleres e cinco por homes. Seis empresas creáronse en Ames (catro por mulleres), tres en Val do Dubra (dúas por mulleres) e dúas en Brión (unha constituída por unha muller).

Programas, visitas e seminario

O programa do Encontro internacional para o desenvolvemento local dende a transversalidade de xénero divídese en tres partes diferenciadas: presentación dos programas experimentais que desenvolven os socios de Equal Compostela Social, visitas de estudio a empresas creadas a través deste proxecto e o Seminario Transnacional "O impacto dos Proxectos Equal no desenvolvemento local dende unha perspectiva de xénero", que terá lugar o venres 20 de abril.

No marco do seminario, a experta en xénero e políticas de igualdade, Magalí Martínez Solimán, da empresa Travesías por la igualdad, impartirá a conferencia "A transversalidade de xénero na creación de empresas e o desenvolvemento local". A continuación, e a responsable da Consultora en xénero e políticas de igualdade. Sánchez-Albornoz (SLNE), Elisa Sánchez-Albornoz, presentará o manual "A transversalidade de xénero na planificación do desenvolvemento local", o primeiro destas características que se edita en Galicia. Será neste encontro onde os técnicos de emprego de Polonia, Grecia e Italia expoñan as súas experiencias e proxectos. A xornada pecharase cunha xuntanza onde se establecerá a axenda dos próximos encontros a nivel internacional.

Documentos relacionados



Compartir: