EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música presenta a programación de verán

14/06/2022 Hoxe 14 de xuño ábrese o prazo de inscrición para todas aquelas persoas interesadas en participar no Obradoiro de produción musical, impartido polo compositor Adrián Saavedra, e no Laboratorio sonoro de verán, dirixido á cativada de entre 3 e 12 anos. O prazo de inscrición pechará o vindeiro luns 20 de xuño.

A Escola Municipal de Música xunto co Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela vén de lanzar dúas actividades para o mes de xullo:

Obradoiro de produción musical

Dirixido a rapaces de entre 13 e 17 anos e a adultos, este Obradoiro pretende dar a coñecer as ferramentas e recursos necesarios para iniciarse na produción musical actual. Durante o curso falarase de secuenciadores, tarxetas de son, microfonía, librarías e instrumentos virtuais, samplers…todo isto a través da aplicación práctica destes conceptos en dous proxectos musicais, un creado unicamente con instrumentos virtuais e outro onde se sentarán as bases para a gravación de instrumentos reais, como baixo, guitarra eléctrica, piano, voz…

O curso será impartido por Adrián Saavedra, compositor e produtor musical, Premio Martín Códax da Música 2019, que traballou con artistas como Nastasia Zürcher, Pablo Lesuit, A Banda da Loba, Marcelo Dobode, ou Abraham Cupeiro.

O Obradoiro terá lugar entre o 11 e o 15 de xullo no Centro Xove da Almáciga e dividirase en dous grupos de 15 prazas cada un:

- GRUPO I: 13 a 17 anos. Luns a venres de 11:30 – 13:30.
- GRUPO II: De 18 anos en adiante. Luns a venres de 09:30 – 11:30.

Laboratorio sonoro de verán

Trátase dunha actividade lúdico-educativa orientada a complementar a formación ofrecida dende a Escola Municipal de Musica de Santiago e dirixida á rapazada de 3 a 12 anos empadroada no Concello de Santiagom, ou que cursen estudos no municipio. Darase preferencia ao alumnado da EMM matriculado neste curso 2021-2022.

Nesta formación, traballaranse os distintos aspectos artísticos da creación musical e posta en escena dunha representación, a través de diferentes actividades. O obxectivo final será a creación dunha representación musical, que se estreará o último día de cada quenda.

O Laboratorio terá lugar entre o 4 e o 29 de xullo no Colexio Apóstolo Santiago e no Centro Xove da Almáciga e dividiráse en dous quendas de 40 prazas cada un:

- 1ª quenda: do 4 ao 15 de xullo.
- 2ª quenda: do 18 ao 29 de xullo (agás festivos).

O horario seá de luns a venres desde as 10:00 ata as 14:00 horas. En horario de conciliación a entrada poderase facer entre as 09:00 e as 10:00 h e a saída entre as 14:00 e as 15:00h

Inscrición
Ambos obradoiros terán carácter gratuíto para as persoas participantes.

A inscrición para estas actividades realizarase entre os días 14 e 20 de xuño de 2022 (ambos os dous inclusive) remitindo a solicitude (que poden descargar da web municipal santiagodecompostela.gal ou da web da Escola Municipal de Música ao enderezo electrónico info@emmsantiagodecompostela.com.

No caso de existir máis demanda que prazas ofertadas nalgunha quenda realizarase un sorteo público nas instalacións da EMM.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse directamente á Escola Municipal de Música de Santiago, situada no Predio Vista Alegre, na Rúa Salvadas, ou nos números 981528701/636979527, ou a través do correo electrónico .

Compartir: