INFRAESTRUTURAS

A autovía entre Santiago e Brión estará rematada antes do verán de 2008 e o enlace coa Ramallosa en xaneiro do mesmo ano

17/04/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Bugallo acompañou ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, nunha visita polas obras de construción das autovías entre Santiago e Brión e entre Santiago e A Ramallosa (Teo). Ao ritmo que van as obras, a primeira estará rematada antes de verán de 2008 e a segunda incluso antes, en xaneiro do mesmo ano.

Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción por este adianto de prazos e pola "sensibilidade" da Consellería de Política Territorial para dar resolución aos problemas que xurdiron no contorno". Neste sentido, referiuse ás actuacións realizadas en Santa Lucía e na Rocha para eliminar terrapléns e substituílos por viaductos. Ademais, resaltou o esforzo feito para reducir o impacto ambiental destas novas estradas.

O alcalde destacou a importancia destas dúas vías para "comunicar Santiago co seu contorno e coa costa, en relación á próxima conexión Brión-Noia, " e a súa contribución para "articular o territorio". A esta articulación referiuse tamén o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que falou da "importancia" que estas dúas vías de alta capacidade teñen para a área de Compostela, que adquirirá así "accesibilidade, fluidez de tráfico, unha espectacular redución do tempo de viaxe e melloras na mobilidade".

Na visita tamén participaron a conselleira de Política Territorial, María José Caride, e os alcaldes de Teo, Armando Blanco; de Ames, Carlos Antonio Fernández; e de Brión, José Luís García. A comitiva comezou a visita polas obras da AG-59 entre Santiago de Compostela e A Ramallosa (Teo). Esta autovía, de 6,1 quilómetros de tronco principal e de 4,2 quilómetros de ramais de enlace coa autoestrada AP-53 Santiago-Ourense, será alternativa á actual estrada AC-841 de Santiago á Estrada. As obras están en execución dende febreiro de 2005 e teñen un custo previsto de 71,1 millóns de euros. A obra inclúe actuacións complementarias como a rectificación das curvas no viario de Santiago á Estrada ou a urbanización de diversos espazos.

A comitiva dirixiuse logo á AG-56 entre Santiago e Brión e ao corredor Pardiñas-As Galanas. Trátase dunha autovía de 12,6 quilómetros de lonxitude que parte da N-550 na Rocha e conecta coa estrada AC-543 en Brión. A actuación inclúe a construción dunha variante , de 3,3 quilómetros, que conecta As Galanas coa AG-56, desconxestionando así o tráfico que se dirixe a Santiago pola estrada N-550. En fase de construción, xa está executado o 56% das estruturas. O investimento nesta obra é de 108,8 millóns de euros. A autovía Santiago-Brión conectará co futuro corredor Brión-Noia.

Compartir: