EIXO ATLÁNTICO

O Eixo Atlántico e o grupo Milladoiro asinan un contrato para a elaboración un traballo discográfico

17/04/2007 O grupo Milladoiro e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular coproducirán un traballo discográfico baixo o título provisional de "A Quinta das Lágrimas". O alcalde e presidente do Eixo Atlántico, Xosé A. Sánchez Bugallo, e os integrantes da formación asinaron o contrato de cooprodución.

Trátase de unha iniciativa pioneira en Europa, que pretende utilizar a cultura como base e a linguaxe musical como instrumento non só para crear unha obra emblemática, senón para achegar a historia, a cooperación e o concepto da Eurorrexión á poboación en xeral e aos sectores máis novos en particular.

Esta obra adoptará a forma de relato musical, utilizando a Eurorrexión integrada por Galicia e o Norte de Portugal, denominada Gallaecia polos romanos, como imaxe de algo vivo que vai na procura dun horizonte de futuro.

O traballo articularase sobre dous eixes principais que artellan o binomio Galicia-Portugal: o mar, que supón a ancoraxe común a un mesmo espazo atlántico, e o idioma e a cultura, que constitúen un eixe vertical de permanente diálogo norte-sur a través da paradigmática Raia.

Sobre estas coordenadas, a obra suporá unha viaxe polo tempo a través dos grandes momentos que constituíron á historia dun territorio común, enmarcado hoxe en día no Eixo Atlántico. Entre os pasaxes históricos máis destacados e que estarán reflectidos no traballo de Milladoiro pódense citar: a Gallaecia Romana, o escurantismo medieval e a construción das catedrais, os camiños de Santiago, os señores feudais, a independencia de Portugal, o asasinato de Dona Inés de Castro na "Quinta das Lágrimas", os descubrimentos, a loita contra os invasores e o triunfo do liberalismo, as ditaduras do pacto ibérico, a chegada da democracia, a entrada en Europa e o futuro.

No desenvolvemento deste proxecto, Milladoiro contará coa colaboración de artistas de fala portuguesa e estímase que a gravación se leve a cabo ao longo do ano 2007. Verá a luz a finais de ano ou a principios do ano 2008.

Compartir: